Salarios e beneficios, fronte a fronte ante o aumento do prezo da electricidade

Isidro Esnaola - 11 Out 2021

Tantas veces agochado, volve xurdir o vello conflito redistributivo do capitalismo entre salarios e beneficios. A Europa liberal quere que as e os traballadores aturemos e esteamos quietiños. Pero iso non parece que vaia pasar

 O man por man á conta do prezo da electricidade no Estado está a subir en intensidade. As medidas do Goberno español para limitar os beneficios das eléctricas non sentaron moi ben a unhas empresas afeitas a faceren e desfaceren ao seu antollo. Iberdrola asumiu o liderado da resposta e non se cortou: ameazou con conxelar os investimentos en renovábeis; a fin de semana pasada non puxo en marcha as súas plantas de enerxía eólica e solar porque -di- coa nova regulación tería perdas; fichou a un destacado militante do PSOE, Antonio Miguel Carmona, como vicepresidente co indisimulado propósito de desgastar o Executivo; e un día máis tarde, en Bilbo, arroupado por altos cargos do PNV, acusou o goberno de «intervencionismo terrorífico». E por se non queda claro quen manda, o prezo da luz segue marcando máximos na península.

 Porén, foi Luis de Guindos primeiro, e o BCE despois, os que centraron o debate. Sempre atentos á inflación, non lles preocupa especialmente a suba do prezo do gas e da electricidade xa que, segundo eles, se debe a «factores técnicos»: colos de botella e, seica, certa escaseza, da que, abraiantemente, non se fai eco o último informe trimestral da Axencia Internacional da Enerxía. O que si lles preocupa é que esta suba de prezos teña «efectos de segunda rolda, fundamentalmente ligados ao mercado laboral», o que traducido á linguaxe de andar pola casa quere dicir que ao BCE lle inquieta que os traballadores empecen a esixir subas de soldo que compensen a carestía da vida que estamos soportando. Algo absolutamente lóxico e lexítimo, mais que segundo eles resulta letal para a inflación, xa que provocaría unha espiral á alza dos prezos. Cren que calquera aumento dos salarios levarían as empresas a subiren os prezos dos seus produtos que obrigaría os traballadores a esixiren novos aumentos, e así sucesivamente. Todo o conto de que o mercado fixa o prezo das cousas quedaría en fume: agora resulta que os prezos e a inflación é responsabilidade das empresas.

 Sen querer, o BCE sinalou o culpábel da inflación: as empresas privadas na súa constante teima por aumentar as súas ganancias. Os elevados prezos de hoxe son un intento por recompoñer a taxa de beneficio tras un 2020 que foi bastante malo; e como a Unión Europea liberalizou todo, as empresas téñeno moi fácil para manipularen os prezos.

 Tantas veces agochado, volve xurdir o vello conflito redistributivo do capitalismo entre salarios e beneficios. A Europa liberal quere que as e os traballadores aturemos e esteamos quietiños. Pero iso non parece que vaia pasar. Os asinantes de Llotja de Mar tomaron a iniciativa e onte houbo un gran apagón; e haberá máis mobilizacións.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 9 de setembro de 2021]