San Cibrao acollerá a próxima mobilización para esixir solucións de futuro para a fábrica de aluminio

O comité reitera a necesidade de avanzar nunha tarifa industrial máis xusta, estábel e competitiva
San Cibrao - 11 Out 2019

Malia quen nun principio se acordara convocar mobilizacións quincenais diante dos distintos concellos da comarca, a falta de avances nunha solución que garanta o emprego e a actividade na fábrica de aluminio, levaron a mudar o ritmo e que estas mobilizacións teñan carácter semanal. Deste xeito, tras as multitudinaria concentración do mércores en Xove, á que asistiron arredor de 3.000 persoas, a próxima protesta será o 16 de outubro, ás 20:30 horas, na Praza dos Campos de San Cibrao.

"A situación non evoluciona de maneira favorábel, se o Goberno non se move e dá unha solución antes das eleccións do 10 de novembro, quen se vai mover vai ser a empresa e non de maneira favorábel para o emprego e a continuidade da produción", advirte o presidente do comité (CIG), Xosé Paleo, quen lembra que a dirección de Alcoa manifestou que non adoptaría novos recortes antes das eleccións, mais "non temos garantía de nada". De feito, apunta que nos últimos meses, a empresa decidiu rebaixar a produción en San Cibrao en máis dun 11%.

Aínda que a ministra de Industria se comprometeu na reunión do martes a concretar ao longo desta semana a data da reunión da mesa galega de traballo na que dixo que desvelaría o contido do estatuto do consumidor electrointensivo, a mediodía do venres "seguimos sen ter esa confirmación". Para Paleo resulta imprescindíbel que antes das eleccións se poña enriba da mesa unha proposta de regulación eléctrica para unha tarifa industrial máis xusta, estábel e competitiva, "que permita comprobar que a proposta existe, que ten prazos e cales son as súas condicións".

Neste senso, hai un fondo temor entre os traballadores/as a que o Goberno español non teña avanzado nada na elaboración do estatuto "porque doutro xeito non nos explicamos a razón de que a ministra non nolo quixera ensinar". O presidente do comité de Alcoa San Cibrao subliña que o último que se coñece do estatuto é o borrador publicado no mes de marzo, "ao que todas as partes implicadas fixeron achegas, que descoñecemos se foron incluíron ou non, e tampouco sabemos que modificacións se fixeron para axustarse aos reparos postos pola UE".

No seu momento, a CIG tamén presentou alegacións ao borrador ao entender que as medidas que contiña resultan insuficientes, provocan máis agonía e dificultan unha solución á problemática da industria electrointensiva. As achegas da CIG foron feitas sobre a base da proposta da tarifa para este tipo de industria que a central ten elaborada dende hai un ano e que presentou en numerosas ocasións ao Goberno español, á Xunta, a patronal do sector e incluso ao comisario europeo de Enerxía.

Así as cousas, Xosé Paleo reiterou o chamado á toda a comarca a saír á rúa e mobilizarse para esixir solucións inmediatas que doten de viabilidade e futuro a fábrica "que é o motor da Mariña dende hai 40 anos". Unhas medidas que pasan inevitabelmente por contarmos cunha electricidade máis barata que nos permita competir en condicións de igualdade co resto de fábricas europeas, pero tamén por esixir á multinacional norteamericana compromisos claros de inversión, permanencia e mantemento do emprego.