Covid19: Que protección teño se me extinguen o contrato temporal e non me meten nun ERTE?

- 01 Abr 2020

O Goberno introduciu algunhas medidas específicas mediante o RDL 11/2020, do 31 de marzo. A máis salientábel é a creación dun subsidio extraordinario por fin de contrato temporal (artigo 33). Resumímoscho a continuación:

a) Quen ten dereito ao subsidio?

As persoas ás cales se extinguiu un contrato de duración determinada (incluídos os contratos de interinidade, formativos e relevo) que non teñan a cotización necesaria para acceder a outra prestación ou subsidio se carecen dos ingresos que se recollen no artigo 275 LXSS.

Porén, estes contratos temporais deberon ter unha duración mínima de dous meses.

Por exclusión, non terían dereito a este subsidio as persoas con contrato temporal incluídas en ERTEs suspensivos dos artigos 22 e 23 do RDL 8/2020, que estarían na situación de interrupción da duración dos contratos temporais prevista no art. 5 do RDL 9/2020.

b) O subsidio ten algunha incompatibilidade?

Todas. Este subsidio é incompatíbel coa percepción de calquera renda mínima, renda de inclusión, salario social ou axudas similares que outorgue calquera administración pública.

c) Canto se cobra?

Unha axuda mensual do 80% do IPREM mensual actual, isto é, de 430,27 euros.

d) Durante canto tempo se cobra?

Un mes, que pode ampliarse mediante un novo RDL.

e) Desde cando se aplica o subsidio?

A disposición transitoria terceira dispón que o dereito ao subsidio se estende aos feitos causantes que se produciron antes da súa entrada en vigor (o 1 de abril de 2020), sempre que se produciran despois da entrada en vigor do RD 463/2020 (o 14 de marzo de 2020).

f) Como se solicita o subsidio?

A mesma disposición transitoria terceira dispón que o SEPE ten un prazo dun mes desde o 1 de abril de 2020 para fixar o procedemento de trabmitación de solicitudes, que incluirá os formularios, o seu carácter presencial ou telemática e os prazos. As solicitudes será presentadas no prazo de vinte días desde que o SEPE aprobe o procedemento.