"Se Rueda quere desbloquear o conflito, que sente con nós e presente unha oferta que nos permita negociar"

O persoal de Xustiza continúa en folga "porque non existen motivos que xustifiquen a suspensión"
Nacional - 01 Mar 2018

“Se o conselleiro quere desbloquear o conflito, teno moi fácil: que nos cite inmediatamente a unha reunión, presentándose cunha oferta seria e xusta a partir da que poidamos empezar a negociar de verdade”. Así respondeu o comité de folga de Xustiza á carta que na tarde de onte lles remitiu Alfonso Rueda, logo de anunciar a través dos medios de comunicación a súa disposición a participar nas mesas de negociación, mais baixo a condición de que se levanten os paros.

Para a representación dos traballadores e das traballadoras resulta especialmente grave que o conselleiro,  despois de 22 días do inicio da folga indefinida,  impoña esta condición cando até agora “estivo escapado da mesa,” utilizando interlocutores “que nada teñen que ver con esta administración”, e sobre todo, cando “non existe ningún motivo que xustifique a suspensión das mobilizacións”.

Por iso, dende o comité de folga insisten en que non se van suspender as mobilizacións e acusan ao vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, de ser “o único responsábel de que a xustiza estea paralizada”, pois negou dende o primeiro momento calquera opción de negociación, “mantendo unha actitude prepotente e mentindo aos medios de comunicación constantemente sobre as nosas reivindicacións”.

Non obstante, reiteran que se o conselleiro ten vontade de desbloquear o conflito, non ten máis que "citarnos inmediatamente a unha reunión, presentándose a ela cunha oferta seria de xusta para o noso colectivo, a partir da que poidamos empezar a negociar de verdade". E, engaden, no seu caso, "as organizacións sindicais estaremos dispostas a estudar todas as posibilidades para chegar a un acordo que satisfaga as demandas das traballadoras e traballadoras, como fixemos dende o primeiro día".

O conselleiro continúa querendo culpabilizar o persoal

O comité de folga critica que o conselleiro pretenda culpabilizar os traballadores/as dos prexuízos que sobre a cidadanía poida ter o dereito ao exercicio da folga, “cando o único responsábel e el e o Goberno da Xunta de Galiza”. A este respecto, afean a Rueda que non quixera participar en ningunha das mesas de negociación e de enviar como interlocutor a unha persoa “rexeitada dende o primeiro momento polo comité”, por non ser da administración de Xustiza, mais sobre todo por “obstaculizar calquera posibilidade de acordo, chegando a dicir que quen non este de acordo que marche do país”.

Para o comité de folga, o contido da carta de Rueda demostra que a comunicación co que denomina 'equipo de negociación' (o director de Función Pública e director xeral de Xustiza) "é nula" ou cando menos, ao entender da representación social, "defectuosa", xa que fala da oferta económica que hai enriba da mesa como dunha 'xenerosa oferta económica que sitúa os salarios dos funcionarios e funcionarias galegos por riba da media estatal', "cousa que evidentemente é falsa", aseveran.

Consideran tamén que o vicepresidente da Xunta "descoñece que as nosas reivindicacións están baseadas na discriminación do persoal da Xustiza galega con respecto de compañeiros e compañeiras da Xustiza do resto do Estado" e que a maiores da demanda económica existe unha reivindicación a respecto dos descontos por enfermidade, das amortizacións de prazas, da consolidación dos reforzos, etc.

Mandato parlamentar

No seu escrito de resposta, a representación social lembra tamén que o Goberno galego e conselleiro negáronse a asumir o mandato do Parlamento, que por unanimidade votou para que se buscaran solucións ao conflito na xustiza e se rematara coa discriminación dos traballadores e as traballadoras galegas con respecto ao persoal do resto do estado e doutros corpos como maxistrados/as, letrados/as xudiciais ou fiscais.

A CIG leva o conflito á reunión con Catalá

Aproveitando a xuntanza que na tarde de onte tiveron a representación sindical co Ministro de Xustiza, Rafael Catalá, para tratar a reforma da lei do rexistro civil, o representante da CIG na mesa, Óscar Freixedo, puña enriba da mesa o conflito que se está a vivir na xustiza galega, reclamando a intervención do ministerio para que clarifique determinadas cuestións, á vista do bloqueo no que a Xunta mantén as negociacións e da "chantaxe" formulada polo conselleiro como condición para participar na mesa.