A CIG no Concello da Coruña solicítalle ao goberno municipal que audite os procesos selectivos

Para garantir os criterios de igualdade, mérito e capacidade
A Coruña - 13 Xun 2017

A Sección Sindical da CIG do Concello da Coruña amosou o malestar e "a nosa máis profunda preocupación" polo que está acontecendo en relación aos procesos de selección de persoal. Para atallar esta situación instan ao Goberno municipal a que realice unha auditoría dos procesos selectivos realizados e da xestión das listas de agarda e que, de ser o caso, "se depuren as responsabilidades ás que houbera lugar". Así mesmo, piden que se inicien os procesos oportunos para implementar a normativa interna precisa, de xeito "que imposibilite a repetición de feitos semellantes".

Dende a Sección Sindical refírense a que no concello se teñen detectado cuestións como: "erros na preparación loxística ao non buscar espazos onde collan todas e todos os opositores xuntos; permitir acceder con aparatos de telefonía aos lugares onde se realizan as probas; chamadas a algunhas persoas opositoras coaccionándoas para que non se presenten a determinados procesos; introducir criterios de valoración alterando o que determinan as bases dos concursos; resolucións da concelleira de persoal introducindo criterios de xestión das listas de agarda que non foron negociados; ou a propia xestión escurantista destas listas".

"Isto fai que cada vez sexa máis difícil afirmar que no Concello da Coruña se respectan os criterios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público ou na provisión dos postos de traballo", aseveran.

Esta dificultade, engaden dende a Sección Sindical, "agudízase moito máis cando os resultados benefician a persoas concretas ás que unha gran parte dos seus compañeiros e compañeiras porían á cabeza dunha hipotética listaxe de 'beneficiarios'".