Segue a medrar a parcialidade do emprego: máis da metade da poboación ocupada xa traballa menos de 40 horas á semana

Segundo os datos da EPA do II trimestre, o colectivo que máis aumentou é o que declara traballar entre 20 e 29 horas semanais

Nacional -

A última reforma laboral aprobada polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos segue impactar de xeito negativo no mercado laboral, provocando un aumento da parcialidade do emprego e a conseguinte redución dos ingresos da clase traballadora. Até o punto que os datos da EPA do II trimestre que se veñen de coñecer hoxe amosan que máis da metade da poboación ocupada galega xa traballa menos de 40 horas á semana. De feito, o colectivo que máis medrou neste período foi o que declara traballar entre 20 e 29 horas semanais.

En concreto, o 50,1% das persoas ocupadas en Galiza traballa menos de 40 horas semanais, cando no trimestre anterior esta cifra atinxía o 48,3%. Este aumento da parcialidade evidénciase no número de horas traballadas, xa que o colectivo que máis aumentou foi o que declara traballar de 20 a 29 horas á semana, que se incrementou en 43.200 persoas. Pola contra, o grupo que máis se reduce é o de 40 a 49 horas. 

A parcialización do emprego é xa un feito, e está a ter un impacto directo sobre os salarios, provocando unha caída dos ingresos da clase traballadora

“A parcialización do emprego é xa un feito, e está a ter un impacto directo sobre os salarios, provocando unha caída dos ingresos da clase traballadora precisamente nun contexto coa maior inflación e suba de prezos dos últimos 40 anos”, sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.

Os seguintes grupos que máis horas traballadas declaran son os de 60 a 69 horas e de 50 a 59 horas semanais, con 9300 e 7000 persoas máis, “o que amosa tamén un aumento da precariedade e da explotación laboral resultado dunha reforma laboral que non eliminou a subcontratación nin supuxo un freo á precarización do mundo do traballo”. En consecuencia, estase a producir unha polarización entre a clase traballadora, resultando que o colectivo con mellores condicións salariais e laborais é o que máis se reduce.

“O grupo de persoas ocupadas que non traballan a xornada completa é cada vez maior; e hai outro máis reducido, pero tamén en aumento, padece xornadas de semiescravitude, traballando máis de 60 e 70 horas á semana”, denuncia Sío.

Non medra a ocupación global

Segundo os datos publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) a través da EPA, a ocupación en Galiza medrou un 1,26%, mentres que o paro rexistrou un descenso do 1,12%. Deste xeito, a poboación ocupada sitúase en 1.105.900 persoas e a parada en 139.400. Así, a taxa de paro alcanza ao 11,2% da poboación activa, dúas décimas menos que no trimestre anterior, que estaba no 11,4%. “Pero o incremento da poboación ocupada o que amosa é un reparto das horas traballadas, máis que un medre da ocupación global”, matiza o responsábel sindical. 

O incremento da poboación ocupada amosa un reparto das horas traballadas máis que un medre da ocupación global

Trátase de empregos ligados maioritariamente aos servizos, sector no que máis medrou a ocupación no segundo trimestre do ano. Neste período reducíronse tamén as persoas asalariadas con contrato temporal e increméntanse as indefinidos, nos que unha parte importante das novas persoas contratadas son fixas descontinuas (os datos do sector privado, os únicos existentes, amosan que as persoas nestas condicións pasaron de 10.700 a 17.700. A estas habería que sumar as do sector público, que son un número importante). En canto ás persoas con contratos indefinidos a tempo parcial, aumentaron en 10.500.

Finalmente, Paco Sío fai fincapé no feito de que a ocupación baixe na construción e na industria (neste último sector é do 15,2%, cando nos países desenvolvidos atinxe o 20% de media). O único medre, ademais de no sector servizos, rexistrouse no primario, especialmente na pesca.

Volver