• 19-02-19_ConcentracionHospitalMonforte_1.jpg
  • 19-02-19_ConcentracionHospitalSalnes_1.jpg
  • 19-02-18_FolgaAmbulancias_AsPontes_1.jpg
  • 19-02-18_FolgaAmbulancias_Caldas.jpg
  • 19-02-19_PiqueteCHUAC.jpg

Seguimento do 100% na folga das ambulancias, que continúa ao non haber avances no conflito

Para este mércores, 20 de febreiro, está convocada manifestación nacional en Compostela

Nacional -

Os traballadores e as traballadoras das ambulancias de Galiza iniciaron este luns unha nova xeira de folgas e mobilizacións que se prolongarán ao longo de toda a semana, até o domingo 24 de febreiro. Esta segunda quenda de paro xeral arrancaba onte coa vista posta na reunión que tivo lugar entre patronal e representación social no Consello Galego de Relacións Laborais, logo da Consellaría solicitar a intermediación deste organismo no conflito.

Manifestación en Compostela

Este mércores 20 de febreiro, está convocada manifestación nacional do sector, con saída ás 11:30 horas da Praza Roxa até San Caetano.

Porén, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, malia que a xuntanza se prolongou durante tres horas (dende o mediodía até ás tres da tarde) non se produciu ningún tipo de avance, polo que o calendario de folgas e mobilizacións segue adiante. "O único que fixo a patronal foi retirar da mesa a pretensión de aplicar unha rebaixa do convenio do 10%, pero non achegou ningunha outra oferta, polo que o conflito prosegue", valorou.

Así as cousas, ambas partes quedaron emprazadas a unha nova xuntanza en Compostela, para a tarde do 28 de febreiro, "na que agardamos que a patronal apareza cunha proposta seria que permita desbloquear a negociación". A este respecto, apuntou que está convocada unha terceira quenda de folga para a semana do 4 ao 10 de marzo e a partir do 20 de marzo, se non hai avances, o paro terá carácter indefinido.

Pastoriza volveu lembrar que a problemática que padece o sector vén derivada dun concurso infradotado economicamente pola Xunta, no que as empresas, encabezadas por Ambuibérica, presentaron propostas aínda máis a baixa que foron aceptadas pola administración, aínda sabendo que con estas contías sería imposíbel garantir non só unhas condicións laborais dignas, senón mesmo un servizo de calidade.

Seguimento do 100% da folga

Ao igual que na primeira quenda de folga, a xornada do luns e do martes están rexistrando un seguimento do 100% entre o persoal, a pesar dos abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza, que mesmo superan aos decretados na folga anterior e que xa foron recorridos.

Berros de dimisión para o conselleiro no Salnés

Nesta segunda xornada de folga, traballadores e traballadoras de Pontevedra e O Salnés achegáronse até o hospital de Vilargarcía aproveitando a visita do conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, a quen recibiron pedindo a súa demisión e unha solución para as ambulancias. O responsábel autonómico recibiu a unha representación do persoal,  "pero todo o que nos dixo foron boas palabras, mais sen compromiso ningún". 

Nese breve encontro tamén lle reclamaron a Almuíña a dotación dunha ambulancia medicalizada permanente para o Salnés (unha reivindicación que a CIG leva anos facendo), xa que a poboación desta comarca comparte con Pontevedra un único vehículo de soporte vital avanzado. Tampouco esta petición obtivo compromisos concretos por parte do conselleiro.

Denuncia do estado lamentábel da base das Pontes

Para dar maior visibilidade á súa reivindicación, o persoal desenvolve todos os días piquetes informativos nos hospitais de referencia e mobilizacións en hospitais e centros de saúde. Así, na zona de Ferrolterra, onte luns, o persoal levou o conflito até o centro de saúde das Pontes para denunciar "o lamentábel estado" tanto da ambulancia como da base desta localidade, na que chove dentro, non hai un espazo acondicionado para as duchas nin os vestiarios, e incluso o vehículo se  lava na rúa sen as garantías de hixienización adecuadas. Deficiencias todas estas que xa foron denunciadas diante da Inspección de Traballo.

O persoal de Lugo súmase á concentración pola sanidade pública en Monforte

Pola súa banda, traballadoras e traballadoras en folga da provincia de Lugo trasladáronse este martes até Monforte para sumarse á concentración convocada en defensa da sanidade pública que se realizou diante do Hospital Comarcal. Deste xeito queren visibilizar que o transporte sanitario tamén é parte fundamental da atención sanitaria e que a Xunta non pode desentenderse deste servizo público.

Volver