Seguimento do 100% na folga do persoal na auxiliar de Inditex, Vero Juncal Mantenimiento

A empresa realiza o mantemento das máquinas de Zara Loxística
Arteixo - 15 Xun 2020

Os traballadores de Vero Juncal, auxiliar de Inditex que se encarga do mantemento das máquinas do almacén de Zara Loxística de Arteixo, están secundando unha xornada de folga de 24 horas este luns para esixir garantías de reincorporación aos seus postos e que se complemente "o ERTE miserento" no que o grupo téxtil ten a este persoal.

 A folga, que ten un seguimento do 100%, tivo incidencia na actividade do almacén onde houbo serios problemas na quenda de noite para arrancar a facturación. Aproveitando entrada de cada unha das quendas, o piquete informativo do persoal de Vero Juncal achégase até as instalacións para informar os compañeiros e compañeiras de Zara Loxística da súa situación laboral e das accións que están a desenvolver.

"Dinnos que sobramos, cando as máquinas están sen o mantemento necesario"

Sergio Escarís, delegado da CIG na empresa explica que "estamos nun ERTE inxusto, que non tiña que estar vixente a día de hoxe, porque as máquinas necesitan uns mantementos que non se están realizando". Pero Inditex "dinos que sobramos, que non nos necesita para traballar e nin sequera nos garanten que vaia recuperar a todo o cadro de persoal, formado por 35 persoas fixas e 5 eventuais".

O delegado de persoal advirte que se están a camuflar os índices de risco para xustificar que o mantemento está correcto e seguir tendo o persoal en ERTE, "cando non é así". Subliña que a súa función resulta esencial para a actividade de loxística "porque se non hai mantementos preventivos, correctivos, reparacións e atención a calquera outra incidencia non se pode levar a cabo a facturación".

Inditex utiliza a súa auxiliar como unha ETT

Porén, até o momento só se incorporaron 22 persoas pero a media xornada e organizándolles horarios semanais "á carta" do que quere a multinacional téxtil. De tal xeito que, apuntan dende CIG-Industria,  Inditex está a utilizar a súa auxiliar a modo de ETT, collendo os traballadores por horas cando os necesita e sen garantir a reincorporación de todo o persoal. "Estamos cunhas reducións superior ao 55%, que nos paga o SEPE, e temos o 45% que nos paga a empresa, que se negou en todo momento a complementar o desemprego, polo que o impacto económico nos nosos salarios é tremendo", indica Escarís.

"Parece que agora temos que ser os traballadores e as traballadoras as que paguemos os respiradores e máis todas as doazóns que fai Inditex", criticou. "O único que pedimos é traballar, que nos digan cando nos imos incorporar e que se garantan os postos dun persoal que leva máis de 20 anos prestando este servizo de maneira incansábel".

Tras o éxito da xornada de folga, se a empresa e Inditex continúan sen dar garantías de mantemento de todos os postos de traballo, o persoal intensificará as medidas de presión sen descartar chegar incluso a unha folga indefinida.