Seguimento do 100% na folga parcial en Einsa para demandar melloras salariais e laborais

As Pontes - 29 Mar 2023

A totalidade dos traballadores e as traballadoras de Einsa Print e Einsa Sourcing As Pontes secundaron este mércores un paro laboral de tres horas para exixir unha suba salarial digna, melloras nos sistemas de traballo e no goce das vacacións. Para visibilizar a súa loita, o persoal realizou unha marcha pola vila das Pontes, que saíu ás 10h da primeira rotonda da central térmica e rematou na Praza das Zocas.

O presidente do comité, Daniel Pena, explica que despois da primeira xeira de mobilizacións houbo unha reunión coa empresa, mais non se produciron avances xa que "só se falou dos calendarios que quedaban por poñer, que era o que lle interesaba a Einsa". Neste senso, lembra que o convenio de empresa está sen actualizar dende o ano 2012 e os salarios do persoal conxelados dende hai unha década.

Isto provocou que ano tras ano os traballadores e traballadoras foran perdendo poder adquisitivo até o punto de que varios niveis salariais xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. A esta perda salarial súmanse os prexuízos económicos que supuxeron os cambios nas condicións de pago do plus de traballo en sábados, domingos e festivos, xa que neste tempo a empresa implantou un método de cálculo inferior ao que existía nos acordos previos.

Imposición do sistema de vacacións

Por iso, Pena critica que a dirección non quixera deixar nada do falado na última reunión en acta e ademais condicione calquera incremento salarial a que se lle acepte o sistema de vacacións a cinco quendas que pretende implantar. "Nós pedimos a creación dunha sexta quenda, xa que hai compañeiros/as que non teñen quenda fixa e ademais de facilitar o goce das vacacións, esta sería a mellora maneira de manter o emprego", apunta.

Para levar adiante esta sexta quenda, apostan por reducir a xornada para poder gozar das súas vacacións sen prexudicar as libranzas. A maiores, sinala Pena, "este sistema de traballo permitiría que a máquina non parara, que é algo que a empresa demanda".

Pero Einsa Print ofrece parar a máquina "supostamente tres horas durante tres meses e dar quince de vacacións para cada quenda". Algo que non constitúe ningunha mellora xa que habería persoal que tería que ir traballar o sábado e outro que entraría en domingo.

Ante a falta de avances nas negociacións (iniciadas xa en outubro pasado) e o feito de que Einsa vincula calquera suba salarial á que se lle acepte o sistema de vacacións, o comité acordou continuar e intensificar as mobilizacións convocando esta xornada de paro de tres horas e a marcha polas Pontes.

Na planta de Einsa Print (empresa do sector das artes gráficas) traballan unhas 250 persoas mentres que en Einsa Sourcing (que leva a loxística da imprenta) traballan algo máis de 20 persoas. Para o próximo venres está prevista unha nova xuntanza coa dirección, pero non se agardan grandes avances "xa que só quere tratar o tema das vacacións".