Seguimento maioritario na folga para exixir a negociación e aprobación da RPT no Concello de Cariño
O persoal municipal do Concello de Cariño está en loita por unhas condicións laborais e salariais dignas. Logo das concentracións e cazoladas periódicas e da manifestación do pasado domingo, este venres a práctica totalidade das traballadoras e traballadores secundaron a folga de catro horas para exixir a negociación e aprobación da Relación de Postos de Traballo que levan demandando dende hai 18 anos.
O seguimento masivo do paro, que se desenvolveu das 10 ás 14 horas, evidencia a disposición do persoal a pelexar pola dignificación das súas condicións e para se dote a esta administración local dos efectivos necesarios para ofrecer uns servizos públicos de calidade. Lembraron que boa parte das traballadoras e traballadores do Concello de Cariño -como o persoal do SAF ou quen está nas categorías de peón- cobra o Salario Mínimo Interprofesional e nin sequera se lle aplicou a suba do 2,5%.
A este respecto, advertiron que a precariedade provocou que nos últimos tempos numerosos compañeiras e compañeiros abandonasen o seu posto para marchar a outras administracións e da escaseza de persoal que sofren moitos servizos.
Para darlle máis visibilidade ás súas reivindicacións, as traballadoras e traballadores saíron en manifestación dende a Avenida do Sagrón até a porta da Casa Consistorial, onde volveron demandarlle solucións á alcaldesa e que cumpra coa sentenza xudicial que obriga a negociar a aprobar a nova RPT.
Reiteraron a demanda dunha RPT na que se recollan as funcións de cada posto de traballo, e que lle permita o Concello organizar dito traballo; na que as retribucións salariais de todo o persoal, tanto funcionario como laboral, se calculen en base ás funcións que se realizan en cada posto; que posibilite repoñer as prazas do persoal que se xubilou ou que deixou o seu posto de traballo; e que lle permita á administración local crear aqueles postos necesarios para ofrecerlle á veciñanza uns servizos públicos de calidade.
Nesta liña, apelouse á necesidade de sacar adiante uns orzamentos actualizados que permitan a aprobación dunha RPT xusta, pois o Concello de Cariño está coas contas prorrogadas dende o ano 2020.
Logo desta xornada de folga, o persoal continuará adiante coas mobilizacións até conseguir que se respecten os seus dereitos.