Seguimento total da folga en Pangea Escuela Viva contra a represión sindical e polo cumprimento do convenio

A Coruña - 19 Dec 2022

A práctica totalidade das traballadoras docentes de Escuela Pangea Viva iniciaron este luns unha folga de catro días en rexeitamento á represión sindical practicada pola empresa e na defensa dos seus dereitos sociolaborais. Con esta folga, o persoal reclama a readmisión inmediata da compañeira Henar, á que a dirección de Pangea despediu pouco despois de que preavisara as eleccións sindicais e de coñecer que ía encabezar a candidatura da CIG.

Ante a negativa da empresa a reverter este despedimento, que claramente constitúe unha represalia contra a traballadora, e a negativa a abrir unha vía de diálogo para solucionar o conflito, o persoal docente acordou iniciar mobilizacións e ir á folga os catro días lectivos antes do inicio do período de vacacións do nadal. Neste primeira xornada, a folga rexistra un seguimento de practicamente o 100% do persoal, xa que das 8 docentes só unha entrou traballar (que ademais é a coordinadora pedagóxica).

Para visibilizar a súa loita, as traballadoras (arroupadas por pais e nais cos súas crianzas) estiveron realizando actividades paralelas durante a mañá que consistiron na preparación de cartaces reivindicativos e de apoio a Henar, e na colocación de globos, cintas e mensaxes na parte exterior da escola (situada en Arteixo), pedindo a reincorporación inmediata de compañeira inxustamente despedida.

Calendario de mobilizacións para esta semana:
  • Martes 20 de decembro, concentración de 11 a 12h, no Obelisco da Coruña.
  • Mércores 21 de decembro, concentración de 16 a 18h, diante da escola (Camiño da Colina, 18).
  • Xoves 22 de decembro, concentración de 11 a 12h, na Praza de Pontevedra.

A empresa non fixo movemento até o inicio da folga

A este respecto, cómpre subliñar que foi preciso chegar á convocatoria de folga para que a empresa movera ficha e, coincidindo co primeiro día de paro, instara unha xuntanza coa parte social. Nese encontro celebrado hoxe, a representación da CIG expuxo como primeiro requisito para a desconvocatoria da folga a readmisión de Henar e, a partir de aí, negociar o cumprimento do convenio colectivo e a regularización das condicións laborais.

A representación da empresa (a través dun gabinete de avogados/as) escoitou as reivindicacións sociais e quedou en trasladar unha resposta a primeira hora de mañá, martes.

As traballadoras levan anos sufrindo incumprimentos laborais

Hai que lembrar que as traballadoras de Pangea levan anos padecendo incumprimentos laborais e salariais do convenio como contratacións en fraude, categoría profesional inferior á que lles corresponde (non están recoñecidas como docentes senón como instrutoras e polo tanto cobran menos do que deberían), realización de exceso de xornada, ou non cobrar nin gozar das vacacións. Ademais, non se lle respectan dereitos sociais como a gratuidade escolar das crianzas que teñen por ser persoal traballador da escola.

Para enfrontar esta precariedade e reclamar os seus lexítimos dereitos, decidiron organizarse sindicalmente arredor da CIG e convocar eleccións. Pero este proceso, que debería terse desenvolto con total normalidade, veuse interrompido pola empresa que, nunha decisión inxusta, optou por comunicarlle o despedimento a Henar, alegando actitudes e feitos falsos e inxustificábeis e chegando a botala literalmente do seu posto de traballo diante das crianzas.

Para a CIG-Ensino esta decisión é unha clara represión contra a traballadora e un intento de amedrentar ao resto das súas compañeiras para que non reclamen os seus dereitos nin se organicen. Por iso, xa adiantan que, de non darse unha resposta positiva por parte da empresa a prol da readmisión de Henar, continuarase adiante coa reclamación na vía xudicial "xa que estamos ante un exemplo clarísimo de despedimento nulo".