Seguimento total da folga para reclamar melloras laborais e salariais en Europastry

Lugo - 31 Mai 2023

A práctica totalidade dos traballadores e das traballadoras de Europastry (antiga Ingapan) en Lugo están secundando este mércores unha xornada de folga para reclamar melloras laborais e salariais. Para dar máis visibilidade ás súas demandas, o persoal realizou unha manifestación a media mañá que saíu das instalacións da empresa no Polígono do Ceao e foi até o Mercadona da Avda. Infanta Helena, xa que esta cadea de distribución é unha das principais clientas da empresa.

Confluencia coa loita do metal

Durante a manifestación, o persoal de Europastry confluíu brevemente co piquete dos compañeiros e compañeiras do metal (que hoxe están desenvolvendo o cuarto día de folga por un convenio digno) e ambas loitas recibiron o apoio e o recoñecemento mutuo.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López Carmona, explica que dende que o grupo Europastry se fixo co control total da lucense Ingapan o pasado ano, "comezouse a implantar unha política de recortes e precarización laboral" que tocou dereitos tan diversos como a retirada da cesta de nadal -que o persoal tivo que recuperar en vía xudicial- ou os descontos nos incrementos das antigüidades.

"Europastry vive instalado nunha precariedade manifesta", denuncia López Carmona, quen lembra que na provincia de Lugo o grupo conta con factorías no Polígono do Ceao, Outeiro de Rei e Begonte e aínda cando todas forman parte da mesma actividade, as condicións laborais e os sistemas retributivos dos/as traballadores/as son distintos e mesmo existen discriminacións co persoal de nova contratación.

A isto súmaselle unha deficiente organización no traballo e o empobrecemento dos soldos no contexto de medre disparado do custe da vida. Cómpre indicar que o persoal de Europastry réxese polo convenio provincial de panaderías que "demostrou ser unha absoluta fraude, pois as táboas salariais xa están superadas polo SMI". De feito, nunha das pancartas que portaban hoxe na manifestación podíase ser ler "Europastry, produtos de primeira, salarios de terceira".

"Foco de precariedade"

En Lugo traballan arredor de 500 persoas contratadas directas e outras preto de 300 contratadas a través de empresas de traballo temporal. "Isto é un foco de precariedade total. A empresa abusa deste tipo de contratación", alerta Carmona, ao tempo que salienta a elevada participación do persoal eventual de ETT nesta xornada de folga.

Farto de aturar a precariedade, as discriminacións e baixos salarios, a representación do persoal (da CIG) trasladoulle á empresa unha proposta de melloras que a compañía "non está atendendo", e aínda que o pasado venres a dirección manifestou vontade de chegar a acordo "non estamos vendo esa vontade por ningunha parte". Ao contrario, critica o secretario comarcal da FGAMT-CIG, "Europastry mesmo está perseguindo a declaración da folga como ilegal".

Pero os traballadores e as traballadoras déronlle este mércores unha contundente resposta á empresa secundando de xeito masivo á folga e a manifestación para exixir unhas condicións dignas. Neste senso, López Carmona apunta que Europastry é a principal empresa do sector de panadarías e pastelaría industrial do Estado, ten uns beneficios millonarios e está facendo importantes investimentos nas factorías "polo que agardamos que tome nota da resposta do persoal e sente negociar un acordo de melloras nas condicións salariais e de traballo".