Seguimento total do persoal técnico de campo na primeira xornada de folga contra a precarización en Indra Gestión de Usuarios

As traballadoras e traballadores concentráronse en defensa do emprego e contra o desmantelamento desta división
A Coruña - 28 Nov 2025

A primeira xornada de folga convocada pola CIG en Indra Gestión de Usuarios está a rexistrar un seguimento total entre o persoal técnico de campo (división que a empresa busca desmantelar para subcontratar). Ademais un grupo de traballadoras e traballadoras procedentes de todos os centros de IGU en Galiza concentráronse ás portas da sede da tecnolóxica na Coruña en defensa dos empregos e contra a precarización laboral.

As consecuencias da folga estanse deixando notar nos servizos prestados IGU, como acreditan as chamadas das empresas clientes pedindo que se resolvan as numerosas incidencias rexistradas. Esta división de Indra realiza un traballo esencial de mantemento dos caixeiros, redes e dispositivos diversos, principalmente de entidades bancarias, mais tamén ofrece soporte a administracións como a Consellaría de Sanidade e a de Xustiza.

O paro xeral continuará o próximo luns día 1 e o martes 2 de decembro e para o secretario do comité, Miguel Fraguela, o éxito deste primeiro día de folga “é unha mensaxe clara á dirección de Indra para que sente negociar e poidamos chegar a un acordo, que debe pasar por garantir a carga de traballo e un compromiso de manter o emprego”.

Fraguela apunta que a CIG acordou convocar folga en resposta á política de despedimentos disciplinarios e obxectivos que Indra Gestión de Usuarios está a aplicar en todo o Estado coa finalidade de deixar este servizo sen persoal técnico de campo propio, precarizar aínda máis as condicións laborais e maximizar os beneficios, sen importarlle nin a calidade do servizo que se presta nin as condicións laborais nas que se presta.

Diante deste ataque á estabilidade laboral e á dignidade do traballo, a CIG xa avanza que continuará coas mobilizacións até que Indra sente negociar un acordo satisfactorio.