Seguimento total na folga dos/as traballadores/as das auxiliares de San Cibrao na semana decisiva para o futuro da fábrica

A CIG demándalle a Alcoa que asuma a mediación das administracións e cese no boicot ao proceso de venda
Xove - 23 Set 2020

Ás 06:00 horas deste mércores daba inicio a folga dos traballadores e traballadoras das auxiliares de Alcoa San Cibrao nunha semana crucial para o futuro dos empregos e da continuidade produtiva. A folga está rexistrando un seguimento total (só entraron os servizos mínimos) e dende primeira hora da mañá os piquetes informativos permanecen nos accesos ao complexo industrial, onde estarán até o remate da xornada ordinaria ás 15h.

A asemblea de traballadores/as das auxiliares acordou activar a folga como medida de presión a Alcoa para que desbloquee o proceso de venda, mais tamén para urxir a Xunta e o Goberno español a que forcen esa operación con GFG, pois neste momento é o único proxecto que está enriba da mesa. Kike Rocha, voceiro da plataforma coordinadora das auxiliares a lembra que esta é unha semana decisiva para o futuro da factoría, xa que o próximo domingo expira o prazo de negociacións entre Alcoa e GFG Alliance, mais todo apunta a que a norteamericana non ten vontade de chegar a un acordo.

Neste senso, Rocha lembra que o persoal das empresas auxiliares "somos traballadores/as directos/as da fábrica e imos loitar polo noso futuro até o último momento do conflito coas mesmas premisas que os compañeiros/as do comité de Alcoa: impedir a parada das cubas e que non haxa nin un só despedimento".

Denuncia que, a estas alturas, malia seren parte fundamental da actividade na factoría, nin Alcoa nin as administracións están atendendo as súas reivindicacións. "É como se non existísemos, non temos representación na mesa de seguimento do proceso de venda, non estamos na mesa multilateral, Alcoa seguen sen querer atender a nosa problemática específica e o Ministerio e a Xunta nin sequera contestaron á solicitude de crear un foro de auxiliares". E iso, malia que o persoal destas empresas é o primeiro damnificado polos plans de peche de Alcoa.

Alcoa incumpre o acordo do 13 de agosto

Sobre a marcha das negociacións, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que Alcoa está aproveitando este tempo "para autoxustificar que a venda non é posíbel, abocando a que este proceso acabe da peor maneira posíbel e negándose a aceptar a mediación institucional como marco no que acadar unha solución".

Na reunión telemática celebrada onte coa multinacional, a CIG lembroulle a Alcoa que está a incumprir o pactado o 13 de agosto, instando a dirección a cesar nos obstáculos ao proceso de venda e a que acepte "que a mediación á que nos sometemos pasa tamén por non boicotear as reunións convocadas polos gobernos, asistindo a elas".

Á vista de como se desenvolve a situación, a CIG demandou do goberno español e da Xunta que convoquen a todas as partes implicadas a unha xuntanza para avaliar e dar unha solución definitiva "para que Alcoa non se saia coa súa. Esta venda non pode fracasar porque é a fórmula de garantir a continuidade industrial", aseverou.

"Se o que pretende Alcoa é chegar ao día 28 sen venda, e polo tanto ameazando coa parada das cubas e os despedimentos, non llo imos permitir e imos facer o imposíbel para que de aquí ao domingo sexa a venda a realidade que afrontemos e non o peche", advirte Carril, chamando a intensificar as mobilizacións para dotar a Mariña "dun futuro industrial que Alcoa quere roubar".

Neste obxectivo, Carril empraza as administracións a duplicar os esforzos para que a operación saia adiante e ao tempo a iniciar os trámites para unha intervención pública, se fora necesario.