
Seguimento total na folga en Ence en demanda de investimentos urxentes

O traballadores e as traballadoras de Ence en Pontevedra están secundando este xoves unha xornada de folga de 24 horas para reclamarlle á empresa que de inmediato faga os investimentos necesarios para garantir a continuidade dos empregos. A folga (convocada por CIG e CCOO) está sendo un éxito, xa que só acudiu traballar o persoal designado como servizos mínimos, e a actividade na planta permanece paralizada porque tampouco entraron as contratas.

Dende ás doce da noite os piquetes informativos despregáronse nos accesos das instalacións e, coincidindo co cambio de quenda, o persoal fixo unha concentración entre ás 13 e ás 15 horas, ás portas da planta baixo a consigna “pola garantía e o futuro dos nosos postos de traballo”.
O delegado da CIG, Pablo Bacariza, explica que a decisión de convocar folga chegou tras as reunións mantidas coa empresa nas que evidenciou “a súa nula vontade de diálogo”. Sinala que “levamos anos demandando investimentos reais para garantir o futuro dos empregos e un incremento do cadro de persoal”. Reivindicacións ás que a empresa fai caso omiso.
Esta falta de actuacións sobre as instalacións provoca que haxa avarías constantes e paros da planta e “que non poidamos producir todos os tipos de produtos nin facelo de maneira máis eficiente”.
Así as cousas, logo desta xornada de folga, vaise convocar unha asemblea de traballadores e traballadoras para avaliar e acordar as próximas medidas a levar adiante.