Seguimento total na primeira xornada de folga da limpeza e conserxería dos CEIP de Santiago

O persoal percorreu as rúas de Compostela coa Rondalla Porcona e anuncia unha nova mobilización para o vindeiro 16 de xuño
Compostela - 01 Xun 2026

O persoal da limpeza e conserxería dos Centros de Ensino Infantil e Primaria (CEIP) de Santiago secundou este luns a primeira xornada de folga e de mobilizacións convocadas polo comité de empresa de Lacera para reclamar a aplicación das melloras laborais e salariais recollidas no novo contrato municipal.

Segundo explicou Paulo Rubido, asesor do comité de empresa pola CIG, o seguimento da folga foi do 100%, un dato que, ao seu entender, demostra “o enorme malestar existente entre o persoal pola negativa da empresa a aplicar unhas melloras que xa están financiadas a través do novo contrato”.

A xornada comezou con visitas informativas aos distintos centros educativos da cidade, onde repartiron papel hixiénico entre o alumnado e recibiron o apoio de nais e pais, e continuou cun percorrido reivindicativo polas rúas de Compostela coa que denominaron “Rondalla Porcona”. A mobilización partiu da Praza de Galiza e rematou cunha concentración diante da Casa do Concello, na Praza do Obradoiro, onde as traballadoras e traballadores volveron reclamar unha solución inmediata ao conflito.

Rubido destacou que a participación masiva na folga e nas mobilizacións evidencia que “non estamos ante unha reclamación puntual, senón ante un problema estrutural de precariedade que o persoal leva padecendo desde hai anos”. Neste sentido, lembrou que a principal reivindicación é que se apliquen as melloras laborais e económicas contempladas no novo contrato municipal.

Principais demandas

Entre elas, citou o pagamento do plus salarial existente noutros contratos da limpeza municipal, o complemento do 100% das baixas por enfermidade común, o incremento das xornadas, a transformación dos contratos fixos descontinuos en indefinidos e a eliminación da parcialidade que afecta a boa parte do cadro de persoal.

O asesor da CIG incidiu en que estas medidas non son unha demanda nova nin supoñen ningún custo adicional para a Administración. “A empresa xa está cobrando os importes correspondentes ao novo contrato, incluídas as cantidades destinadas a financiar estas melloras. O que non pode ser é que uns cartos públicos que teñen como finalidade dignificar as condicións laborais rematen quedando nas contas da concesionaria”, denunciou.

Rubido lembrou tamén que o contrato dos servizos de limpeza e conserxería dos CEIP levaba máis dunha década sen actualizarse, o que provocou unha situación de especial precariedade. “Falamos dun dos contratos máis castigados de todo o ámbito municipal, con salarios baixos, unha elevada parcialidade e importantes problemas na organización do traballo. O novo prego permitía corrixir boa parte destas deficiencias e o que estamos reclamando é que se cumpra”, afirmou.

Desde a representación sindical insisten en que durante os últimos meses mantiveron unha actitude de diálogo e procuraron vías de entendemento para facilitar a aplicación das melloras. Porén, denuncian que nin a empresa nin o Concello ofreceron até o momento unha resposta satisfactoria.

Folga o 16 de xuño

Por este motivo, o comité de empresa decidiu manter a presión e convocar unha nova xornada de folga e de mobilización para o vindeiro 16 de xuño. Segundo avanzou Rubido, a intención é continuar visibilizando un conflito que afecta a un colectivo maioritariamente feminino e que leva anos soportando condicións laborais moi inferiores ás existentes noutros contratos municipais.

Ademais, advertiu de que, se non se producen avances nas próximas semanas, o persoal non descarta endurecer as protestas. “Xa dixemos desde o principio que o noso obxectivo é que se cumpra o contrato e que as melloras cheguen ás traballadoras e traballadores. Pero se empresa e Concello seguen bloqueando a situación, a asemblea valorará novas medidas de presión e mesmo a convocatoria dunha folga indefinida ao inicio do próximo curso escolar”, asegurou.

As protestas continuarán mañá, martes 2 de xuño, coa segunda xornada de folga, que incluirá novamente visitas informativas aos centros educativos e unha mobilización coa Rondalla Porcona desde San Caetano até a Praza do Obradoiro.