Seguimento total na primeira xornada de folga en Leche Celta en demanda dun convenio digno

A produción na planta de Pontedeume permaneceu paralizada
Pontedeume - 10 Xan 2022

A primeira xornada de folga convocada na planta de Leche Celta en Pontedeume está rexistrando un seguimento total, polo que a actividade nas instalacións ficou paralizada entre ás 12 e ás 16 horas, horario no que se desenvolven os paros parciais. A folga terá continuidade mañá martes e de non producírense avances na negociación do convenio colectivo, os paros repetiranse todas as semanas de xaneiro, incrementándose de maneira progresiva os días de afectación.  

A presidenta do comité, María Xosé Vizoso, explica que despois dun ano de negociacións para o II convenio do centro de traballo, as negociacións están rotas pola actitude de bloqueo da patronal.

"A dirección da empresa pretende establecer un sistema retributivo que suporía por unha banda penalizar salarialmente as persoas que enfermen ou que exerzan dereitos como as   licencias   retribuídas; e por outra condiciona o incremento económico a uns parámetros nos   que nin sequera as persoas afectadas poden incidir", sinala.

Denuncia Vizoso que  empresa non quere entrar a discutir a proposta da parte social na que se contempla un incremento lineal do IPC real para o ano 2021 en todos os conceptos económicos, así como distintas melloras de carácter social.

Paros todo o mes de xaneiro

Esta posición de intransixencia da empresa, subliña, "derivou na ruptura das negociacións en curso do convenio colectivo e na convocatoria destas xornadas de folga". Deste xeito, os paros parciais seguirán o martes día 11, na próxima semana serán do luns 17 ao mércores 19 de xaneiro, e repetiranse do luns 24 ao xoves 27 de xaneiro.

Cómpre lembrar que o persoal de Leche Celta xa tivera que ir á folga en 2017 para conseguir o primeiro convenio colectivo para o centro de traballo de Andrade (Pontedeume), logrando a través da loita rachar co marco estatal de negociación e acadando unha mellora substancial das súas condicións de traballo. Agora volven á folga para esixir un convenio digno con auténticas melloras salariais e sociais.