• Nova

Seguimento total no primeiro día de folga indefinida en Urbanos de Ourense contra a precarización laboral

O persoal forzou unha reunión co alcalde cunha protesta no Concello, pero a empresa négase a negociar
Ourense - 03 Mai 2022

A primeira xornada de folga indefinida convocada en Urbanos de Ourense para rexeitar os intentos da empresa de precarizar as condicións laborais e reclamar un convenio colectivo digno tivo un seguimento total entre o persoal de condución. Os traballadores/as da concesionaria do transporte urbano forzaron unha xuntanza co alcalde cunha protesta diante do Concello, pero a dirección da compañía segue negándose a negociar.

Dende o comité de empresa (4 delegados/as de CCOO, 3 da CIG e 2 da UGT) valoran moi positivamente a resposta do cadro de persoal e cualifican de “éxito” o paro a pesar dos servizos mínimos “abusivos” decretados, que se elevan até o 52%. De feito, unicamente traballaron as persoas incluídas neles. “Até as 10:00 horas só saíran das instalacións da empresa tres vehículos”, salientan dende a FGAMT-CIG.

A esa hora os traballadores/as dirixíronse cara ao consistorio para desenvolver unha mobilización -que manterán a diario mentres continúa o conflito-, coa que lograron que o alcalde da cidade recibise ao comité de empresa. Durante a protesta producíronse algúns momentos de tensión cando o primeiro edil ourensán chegou a empurrar a unha sindicalista ás portas do Concello.

Xa no interior do consistorio o rexedor propúxolles que suspendesen a folga para manter unha xuntanza co Goberno local e coa empresa o vindeiro luns, ao que a representación sindical se negou. Tras un receso para falar coa compañía o alcalde confirmoulles que o encontro se celebraría este mércores, quedando pendente de fixar a hora.

Sen vontade de negociar

Mais ás 14:00 horas contactou co presidente do comité para dicirlle que Urbanos de Ourense se negaba a reunirse con eles aducindo as supostas sabotaxes que terían sufrido algúns vehículos da empresa. Con todo, a representación sindical amosou a súa disposición a acudir igualmente á xuntanza.

Dende a FGAMT-CIG consideran que se trata dunha nova escusa por parte da dirección para non sentarse a negociar, e lembran que con anterioridade xa se negara a facelo mentres a folga estivese convocada, a pesar de que o inicio do paro aínda non se producira. Nun encontro informal que tivo lugar a semana pasada a e empresa reiterou o mesmo. “Cremos que realmente non ten interese en negociar”, lamentan.