Seguimento total na primeira xornada de folga indefinida no mantemento do elevador panorámico da Coruña
Este martes arrincaba, cun seguimento total, a folga indefinida convocada pola CIG na empresa Talentorbis, concesionaria do servizo de mantemento do elevador panorámico da Coruña, en demanda de que se mellore a seguridade estrutural do propio elevador e denunciar a falta de medidas de prevención, protocolos e procedementos para o persoal que presta este servizo.
Ademais, con esta folga quérese rexeitar a actitude represiva contra os tres traballadores encargados do mantemento, aos que a empresa está ameazando e lle comezou a impor sancións despois de denunciar na Inspección de Traballo e no Concello da Coruña a falta de medidas de seguridade e os riscos aos que están sometidos.
Pasotismo do Concello
A CIG lamenta o desinterese da Concellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas ante esta situación, xa que a pesar de coñecer as precarias condicións de seguridade do elevador non adoptou até o momento ningún tipo de medida, nin se dirixiu a empresa para obrigarlle a corrixir estas deficiencias. "Parece que non lle importa nin a seguridade dos traballadores de mantemento, nin do persoal que manexa o elevador, nin tampouco das persoas que fan uso del", critica Ernesto López, responsábel de Saúde Laboral da CIG da Coruña.
Con este motivo, nesta primeira xornada de folga os traballadores reuníronse co grupo municipal do BNG para trasladar as súas demandas e solicitar o seu apoio.
Neste senso, a CIG entende que mentres dure a folga, o elevador debe paralizar a súa actividade, xa que sen o mantemento adecuado a súa operatividade vese comprometida así como a seguridade tanto do persoal que traballa no ascensor como das persoas usuarias.