Seguimos loitando por unhas pensións públicas dignas e garantidas!

A CIG convoca mobilizacións o 23 de xaneiro nas sete cidades

Nacional -

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG convoca para o vindeiro xoves, día 23 de xaneiro, ás 11:00 horas, mobilizacións nas sete cidades galegas “Por unhas pensións públicas dignas e garantidas”. Denuncia que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado; que segundo os últimos datos, referidos a 2018, máis da metade son inferiores a 706,6 euros; que a pensión media dunha muller galega é case 300 euros menor ca pensión dun galego e que das persoas con pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres. Advirte, ante isto, que só un mercado laboral forte, con salarios xustos e emprego estábel, pode garantir os recursos suficientes para o sistema público de pensións.

MOBILIZACIÓNS

A CORUÑA- 11h. no Obelisco

COMPOSTELA- 11h. na Praza do Toural

FERROL- 11:30h. na Praza Amada García (Edificio Xunta)

LUGO- 11h. diante do INSS, (Avenida de Madrid)

OURENSE- 11h. diante do INSS, (Parque de San Lázaro)

PONTEVEDRA- 11h. na Praza da Peregrina

VIGO- 11h. na Farola de Urzáiz

Até o de agora había incerteza sobre a conformación de goberno, mais unha vez investido o novo presidente e a piques de se conformar os novos ministerios, a central sindical demanda medidas inmediatas para dar unha solución a esta grave situación.

Para iso a central sindical reclama, entre outras medidas urxentes, a supresión do factor de sustentabilidade; a fixación por lei da pensións mínima igual ao SMI e a súa revalorización anual, como mínimo, co IPC; a xubilación ordinaria aos 65 anos e voluntaria a partir dos 35 cotizados (reais ou por aplicación de coeficientes redutores) e que o cálculo da base reguladora se faga segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria.

Xunto a isto demanda a supresión das bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais; que se eliminen os toqpes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensións e o traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.

Volver