"Seguir coa folga non é un capricho, cada día que pasa perdemos cartos"

CIG-Xustiza chama a secundar masivamente a manifestación deste sábado en Compostela
Nacional - 22 Feb 2018

O próximo sábado, 24 de febreiro, as traballadoras e traballadores da administración de Xustiza volverán manifestarse en Compostela para esixir a fin das discriminacións laborais e salariais e a dotación dos cadros de persoal necesarios para prestar un servizo de calidade. Dende o sector de Xustiza da CIG faise un chamamento a todo o persoal a participar na marcha que sairá ás 12:00 horas dende a Alameda e rematará na Praza da Quintana.

A marcha realizarase tras a ruptura das negociacións coa Xunta "que está seguindo unha estratexia de desgaste e manipulación a través dos medios" e da demanda, por parte do comité de folga, dunha nova interlocución que permita desbloquear o conflito e que non inclúa a presenza do Director Xeral de Función Pública, a quen o secretario do sector de Xustiza da CIG-Administración, Xesús H. Sánchez, volveu culpar de dinamitar calquera posibilidade de alcanzar un acordo.

Tanto é así que foi tras da entrada da Consellaría de Facenda na mesa de negociacións cando se enquistaron as conversas e se eliminou a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. "E a pesar de que solicitamos varias veces a presenza do CGRRLL na mesa, a Xunta negouse a aceptar a mediación", aclara.

Hoxe mesmo, ducias de empregados/as de Xustiza meteron escritos no rexistro da Xunta solicitando a dimisión do Director Xeral de Función Pública polas súas declaracións irresponsábeis emprazando o persoal a emigrar fóra de Galiza "se non están contentos/as".

"A folga non é un capricho, a nós cústanos cartos"

Sánchez criticou a Xunta por pretender trasladar a imaxe do persoal desta administración como un colectivo de privilexiados e privilexiadas e lembroulle que para os traballadores e as traballadoras estar de folga non é un capricho, senón que lle supón un enorme esforzo económico, pois os días de paro "nin cobramos os salarios" nin se cotiza á Seguridade Social por esa persoa. Cuestións estas que o Goberno galego parece esquecer sempre nas súas valoracións públicas sobre o conflito.

Nun cálculo rápido, sinala que, de media, cada traballador/a pode estar perdendo ao día uns 70 euros (unhas persoas máis e outras menos, en función do corpo ao que pertenza). "Se iso o multiplicas polos días que levamos en folga, podemos estar falando de arredor de 800 euros de salario perdido". "Se á súa vez, esta cifra se multiplica polo número de traballadores/as en folga entón xa estamos falando de moitos centos de miles de euros que a Xunta vai aforrar en salarios", subliña Sánchez.

Lembra que a Xunta de Galiza contribúe só ao pago dunha parte do Complemento Autonómico Transitorio (CAT), pero que o groso das nóminas "vén de Madrid, e que, aínda que esteamos en folga, non vai deixar de pagarlle á Xunta. O que nos gustaría saber é que destino lle vai dar a Consellaría a eses cartos que se aforran", pregúntase. 

A este respecto, o secretario da CIG-Xustiza desmentiu as informacións aparecidas nalgún xornal nas que se fala "duns salarios moi por enriba dos que realmente cobramos. Poñen como exemplo a nómina dun xestor xudicial que é irreal, pois se comparamos as cifras que aparecen nesa noticia coa orde de nóminas recollida no DOG, vemos que hai unha diferenza de 8.000 euros por debaixo do que se afirma nese periódico".

"A xustiza xa estaba colapsada antes de comezar a folga"

Subliñou Sánchez que con esta folga o persoal está defendendo os seus dereitos, mais tamén loitando contra o desmantelamento da xustiza galega, e varios dos puntos da táboa reivindicativa van destinados a reverter o proceso de amortización de prazas aplicado en 2013 e para acadar a consolidación das prazas de reforzo con máis de tres anos.

A Xustiza galega xa estaba colapsada antes de comezar a folga e agora estanse suspendendo todos os días centos de xuízos e procedementos, polo que parece unha auténtica irresponsabilidade a actitude da Xunta, que en vez de buscar vías de diálogo, "quere presentarnos como os culpábeis de todo e botar a opinión pública enriba de nós".

"Sabemos que é difícil loitar contra isto, por iso imos facer repartos de follas informativas nas rúas desmontando as mentiras da Xunta", adiantou Sánchez.

Pulso mobilizador

Así as cousas, o persoal mantén o pulso mobilizador a diario. Se onte organizaban un almorzo solidario en Vigo, hoxe as e os compañeiros da Coruña manifestábanse polas rúas da cidade, mentres en Lugo se visitan os xulgados das vilas para informar da situación do conflito e chamar a participar na marcha do sábado en Compostela.