Seguirmos na loita para forzar un verdadeiro cambio

Nacional -

Transcorridos cinco meses das eleccións xerais, o Goberno do Estado segue en funcións. Esta é unha mostra máis da incapacidade das forzas da esquerda española para chegar a acordos e encetar un cambio real das políticas que leven á derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva. Unha incapacidade que acrecenta a frustración social e favorece o proceso de fascistización.

A ausencia do Goberno central e a inacción do galego, máis preocupado por aparentar unha posición crítica que por exercer as súas competencias, levan a que ás portas do anuncio dunha nova recesión a situación de Galiza sexa peor que en 2008: consolídanse os empregos precarios, de escasa duración e mal remunerados; perden peso as rendas salariais no PIB; desmantélanse os sectores produtivos básicos; destrúese tecido industrial (Poligal, Maderas Iglesias, Vulcano) e ameázase a continuidade do pouco que queda por falta dunha política industrial propia (electrointensivas, automoción, naval público e privado, etc.).

Dentro desta lóxica, a única saída para Galiza céntrase no fomento da eucaliptización, do turismo depredador (baixo o paraugas do Camiño de Santiago) e por fiar a creación de emprego e a dinamización económica ás decisións de Citroën e Inditex. Ningún novo proxecto que nos encamiñe a que o sector industrial alcance o obxectivo do 20% do PIB en 2020.

Mentres, os Gobernos asisten pasivos á desaparición de procesos produtivos completos, como o téxtil; á concentración e centralización fóra do país de sectores como o financeiro ou das telecomunicacións; ou ao desmantelamento de actividades estratéxicas como a produción de aluminio, ferroaliaxes ou xeración de electricidade.

Neste contexto, a clase traballadora galega non pode ficar pasiva; é preciso intensificar a mobilización social, provocar un cambio favorábel na correlación de forzas para lograrmos reverter estas políticas neoliberais inxustas e antidemocráticas e saírmos da crise nas mellores condicións.

Volver