Segunda xornada de folga consecutiva en GT Motive para reclamar unha suba salarial xusta

Pontedeume - 20 Abr 2023

Os traballadores e as traballadoras de GT Motive están secundando este xoves a segunda xornada de folga de 24 horas en demanda dun incremento salarial digno. A decisión de convocar estes tres días de folga (mércores 19, xoves 20 e venres 21 de abril) adoptouse ante a falta de avances nas negociacións coa empresa.

Ademais, para visibilizar a súa loita, o persoal realizou unha concentración hoxe diante das instalacións da empresa en Pontedeume e para mañá, venres, van facer unha manifestación en Ferrol que sairá ás 11:00 horas do Porto Deportivo e rematará diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza.

Miguel Huguet, delegado da CIG no comité, explica que despois das paros e das mobilizacións feitas en febreiro e marzo, a empresa non só non se moveu nas súas propostas, senón que incluso está manobrando para negociar por separado cunha parte do persoal unha suba de categorías "co único obxectivo de dividirnos, desmobilizar e minimizar os efectos da folga". Pois até agora esa cuestión era negociada en conxunto co incremento de salarios.

Dende o comité, apunta, xa se lle advertiu á dirección que este non era o camiño para solucionar o conflito e reclámanlle que traslade unha oferta económica xusta, que garanta a recuperación e o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e consolidábel nas táboas.

Huguet lembra que por mor das cativas subidas no convenio estatal de referencia (o de artes gráficas) e da complexa situación que atravesou a empresa, os soldos empobrecéronse ano tras ano, mentres o custe da vida está disparado. Aínda que a raíz das negociacións promovidas pola representación social se conseguiu que GT Motive aplicara un incremento para o ano 2023 que en parte compensa o aumento do IPC, esta suba non é suficiente e suporía consolidar a perda do 5,4% da capacidade adquisitiva acumulada nos dos dous últimos.

A este respecto, o delegado da CIG apunta que, logo da crise vivida, en 2021 o grupo Allianz X fíxose con GT Motive e nestes momentos a empresa goza dunha situación económica favorábel, polo que non se entende a negativa da dirección a asumir unha suba salarial xusta.