Segunda xornada de folga parcial do persoal que atende a Superlínea do Santander por condicións laborais e salariais dignas

Reclaman a Universal Support, a empresa que presta o servizo, que sente negociar e atenda as xustas demandas sociais
A Coruña - 13 Mar 2026

O persoal que atende a ‘Superlínea’ do Santander está secundando este venres a segunda xornada de paros parciais para reivindicar condicións salariais e laborais dignas e reclamarlle á empresa que presta o servizo, Universal Support, que sente negociar dunha vez.

Ao igual que no primeiro día de folga, nesta mañá, as traballadoras e traballadores concentráronse diante da oficina do Santander no Cantón Pequeno da Coruña para visibilizar as súas demandas e apuntar tamén á responsabilidade da entidade bancaria na precarización das condicións de quen lle presta un servizo tan básico para a súa actividade, como é a atención telefónica á clientela, pero que está externalizado por unha simple cuestión de abaratar custes.

“Seguimos reclamando unha suba da categoría, xa que temos uns salarios próximos aos SMI, unha mellora na organización da campaña, que leva meses empeorando a súa situación, e unha redución da carga de traballo”, apuntaba Carlos Parrondo, delegado da CIG en Universal Support.

Sobre o seguimento da folga, indicou que supera o 80% do persoal, polo que está tendo unha importante incidencia no servizo que recibe a clientela do Banco Santander. “Agardamos que a empresa tome nota, sente negociar con nós e atenda dunha vez as nosas xustas reivindicacións”.

Salarios no SMI

Neste senso, lembrou que as persoas adscritas á campaña Superlínea realizan tarefas similares ás dunha oficina bancaria, pero o convenio que se lles aplica é o de centros de chamadas, de condicións moi inferiores ao convenio de banca e que, a nivel salarial, apenas supera o SMI na categoría de persoal teleoperador. “E aínda por enriba, moitas persoas están con xornada parcial o que reduce aínda máis os seus ingresos”, denuncia Parrondo.

Por iso, unha das principais reivindicacións do comité coa convocatoria destes paros é que se recoñeza a todo o persoal deste servizo a categoría de xestor, nivel 9, do convenio colectivo como o inicio do camiño para dignificar as condicións económicas e retribuír adecuadamente a complexidade do traballo feito.