Segunda xornada de mobilizacións para que CAPSA faga efectiva a suba salarial conforme ao IPC

Outeiro de Rei - 22 Mar 2023

Os traballadores e as traballadoras da factoría que Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA) ten en Robra (Outeiro de Rei) continúan este mércores co calendario de mobilizacións para exixirlle á empresa que cumpra coas garantías económicas recollidas no convenio propio. O persoal realizou un paro laboral de dúas horas e concentrouse diante das instalacións dende ás 13h ás 15h.

O comité (con representación íntegra da CIG) lembra que despois de varias reunións solicitando que faga efectiva a revisión salarial conforme ao IPC real, tal e como se recolle no convenio colectivo, a empresa aínda non aplicou o incremento nin manifestou vontade neste sentido.

Para os traballadores e as traballadoras resulta gravísimo este incumprimento do convenio, máxime nun momento no que o custe da vida está disparado e os salarios perden poder adquisitivo a causa da elevada inflación. Por iso, ante a falta actualización dos soldos nos termos pactados no convenio, o persoal acordou iniciar mobilizacións.

Folgas parciais este mércores e o da próxima semana

A primeira realizouse a pasada semana cunha concentración diante da planta de Outeiro de Rei, mentres que para hoxe e o mércores próximo tamén están convocados paros laborais de dúas horas, que nesta xornada tivo un seguimento do 100%.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, cualifica de "impresentábel" que un grupo empresarial de ‘base cooperativa’ que declara enormes beneficios e proxecta unha imaxe mediática de forte compromiso co sector, "non se aveña a cumprir cos termos pactados na negociación colectiva".

CAPSA integra marcas tan coñecidas como Larsa, Central Lechera Asturiana ou ATO.