Sen ascensor no centro de saúde da Milagrosa

Lugo -

O ascensor do centro de saúde da Milagrosa (Lugo) avariouse este martes, provocando que os/as doentes con mobilidade reducida tiveran que ser atendidos/as no andar inferior, xa que este é o único elevador que hai no edificio de tres plantas. Á súa vez, denuncia a CIG-Saúde de  Lugo, isto xerou demoras na atención do resto das/os pacientes e desprazamentos innecesarios por parte do persoal médico, de enfermería e de cita previa.

Aínda que se deu aviso de xeito inmediato do fallo, "a dirección correspondente non o debeu entender como unha cuestión de importancia, xa que ás 13:00 horas non aparecera a empresa encargada de darlle solución", sinala Carme Aira, secretaria comarcal da Federación de Saúde. De feito, o non funcionamento do ascensor provocou tamén que moitas/os pacientes que se atopaban na planta superior non puideran baixar e saír do centro con normalidade.

"Este é un centro médico no que se presta atención sanitaria á poboación, non pode ser que non se tome coa seriedade necesaria un fallo destas características, e non pode ser que non se actúe con dilixencia e rapidez para tratar de darlle solución ao problema. Todo isto o que denota é a pouca importancia que se lle está dando á Atención Primaria dentro da estrutura da EOXI de Lugo", censura Aira.

Fronte a isto, a CIG-Saúde esixe que se lle preste a debida atención ao centro, que se solucione os problemas, "e que se aceleren os trámites que sexan necesarios para que se produza o desdobramento deste centro de saúde, tan necesario, e xa anunciado polo Presidente da Xunta".

Volver