Sen avances na negociación colectiva en Navantia pola actitude da dirección

Dende a sección sindical da CIG lamentan que a empresa insista en propostas que a parte social xa rexeitou
Ferrol - 23 Mai 2025

A última xuntanza da comisión negociadora do convenio de Navantia rematou sen avances, despois de que a dirección se limitase a presentar os temas que xa se trataran antes do preacordo, “algún deles incluso á baixa”, tal e como denuncian dende a sección sindical da CIG en Navantia Ferrol.

Nesta ocasión non asistiron á reunión os compañeiros/as do centro de traballo de Cartaxena, que se atopan en pleno conflito laboral. “Manifestámoslles a nosa solidariedade, pero entendemos que hai combinar mobilizacións e negociacións cando así se decida”. Ao mesmo tempo, sinalan que na mesa estase a dar a situación de que os que máis interese teñen por acadar un mellor convenio “somos os que dixemos que si ao preacordo, atopándonos cunha dirección que coa súa actitude está sendo cómplice e culpable en que as negociacións non avancen”. 

A parte social abordará coa empresa distintas propostas na primeira semana de xuño

Neste senso, a CIG-Navantia deixoulle claro ao presidente da empresa que a estas alturas non pode dicir que descoñece o que reivindica a parte social. “Démoslle un ultimato para que poña todo enriba da mesa, porque xa non estamos no comezo da negociación; non poden vir ás reunións con propostas e presentacións iguais que as que fixeron hai un ano e que os cadros de persoal xa rexeitaron”.

Como exemplo citan o tema das saídas, nas que non contemplaban os 62 anos no contrato relevo “cando é o que ven na propia lei, tendo que corrixilo despois do rexeitamento da comisión”. O responsábel da compañía informou tamén sobre a carga de traballo, “sen presentar novidades pero parabenizándose do que temos por diante”

Finalmente, sinalan que a empresa recoller no último momento as reivindicacións da parte social en canto a novas incorporacións, clasificación, promocións, homoxeneización de variábeis e saídas, “e dannos de marxe a semana que vén para tratalas coa dirección”. De xeito que os comités analizarán estas cuestións en xuntanza telemática para posteriormente, na primeira semana de xuño, abordalas conxuntamente coa compañía para intentar chegar a un acordo.