Sen pediatras en Verín porque o Sergas leva máis de oito meses sen publicar as listas temporais

CIG-Saúde exixirá na mesa sectorial que se fagan públicas de inmediato
Nacional - 13 Dec 2019

CIG-Saúde exixe a inmediata publicación do listado provisional do persoal licenciado sanitario de hospital convocadas o abeiro do pacto de selección temporal do Sergas, publicado no DOG do 18 de decembro de 2018. Denuncia que se as prazas de pediatría de Verín non se cobren é porque o Sergas acumula meses de atraso na publicación das listaxes.

No DOG do 23 de abril de 2019 publicouse a resolución do SERGAS pola que se inicia o prazo para a inscrición do persoal facultativo do hospital nesas listas de selección temporal. Transcorridos máis de 8 meses o SERGAS non sequera publicou lista provisional de admitidos.

Nestas listas de contratación pode haber pediatras para ser contratadas polo SERGAS pero, segundo denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “a parálise desta administración impide resolver casos como o de Verín. Se as listas estiveran publicadas e souberan canto persoal facultativo de pediatría hai podería proceder á súa inmediata contratación para cubrir as prazas vacantes dos centros máis deficitarios ou de difícil cobertura, como é este caso”.

Abuín denuncia que continuamente “poñen como escusa que non hai persoal pero cando fan unha oferta de emprego, logo non se publican os listados e non se poden cubrir xa que logo esas prazas”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que estamos en decembro e que como aínda non se publicaron as listas provisionais, que teñen un prazo legal de reclamacións, “aínda se demoraría a publicación das listas definitivas e a súa entrada en vigor para que estas prazas estiveran operativas”.

Por iso a CIG-Saúde denuncia a neglixencia do SERGAS, reclama que se proceda á súa inmediata publicación, para que nin Feijóo, nin o PP, nin a consellaría de Sanidade se sigan escudando en que non hai prazas para solucionar a intolerable situación que se vive agora mesmo en Verín e levará esta demanda á mesa sectorial que se celebrará esta mesma mañá, para que se lle dea unha solución inmediata ao asunto.