Sentenza contra o ‘procés’: o último cravo da involución permanente no Estado español

Ramón Zallo - 16 Out 2019

O réxime do 78, nado dun pacto espurio e en falso, non fixo senón dexenerar desde a súa orixe. A transición xa se baseou na negativa aos dereitos nacionais, o disciplinamento das reivindicacións sociais, a monarquía imposta, a amnistía aos franquistas e o esquecemento.

 A sentenza do Tribunal Supremo contra os presos políticos cataláns -ben chamados así por seren reféns dunha estratexia de Estado- é grave e inicua.

 Grave pola descrición falsa dos feitos, pola cualificación inapropiada (sedición e malversación), as duras penas impostas e as consecuencias de todo tipo; desde o varrido de toda unha xeración de dirixentes políticos, que só seguiron o mandato popular de representación, pasando polo aviso de ilegalización puníbel de calquera acto de desobediencia ou desafío ao Estado, mesmo cando se produzan por métodos democráticos e con procedementos institucionalizados.

 Tamén inicua por inxusta e intencional ao quererse dilucidar en sede xudicial e mediante castigo un problema político que corresponde a outra esfera, a do diálogo político.

 A absolución ou, todo o máis, a desobediencia duns e a resistencia pasiva e pacífica á autoridade doutros, eran o xusto. E a partir da sentenza, a amnistía sería o balsámico.

 No dilema entre Goberno dos Homes (interesados e arbitrarios pero adaptábeis) e o Goberno das Leis (fixadas e previsíbeis e ao servizo do conxunto pero pouco adaptábeis) o politólogo Norberto Bobbio salientaba a seguridade e longo alento que ofrecía esta última. Pero non contaba coa variante española do Goberno de Xuíces que ten o peor das dúas vertentes: xustiza de conveniencia política e uso discrecional das leis polos que deberían ser os máis escrupulosos con elas. Remexeron nos tipos penais para converter uns axentes políticos electos e líderes sociais non violentos en delincuentes, coa axuda do sistema propagandista de medios de comunicación. A xustiza española funciona... mal e reprime inxustamente.

A xudicatura

 Ad intra da sentenza hai algúns factores a mencionar.

 Por unha banda, é hexemónica na cúpula da xudicatura unha extracción social de elites que se perpetúan, réxime tras réxime, e se cooptan, con predominio conservador cando non reaccionario e, dado o sistema de promoción, con lealdades ou funcionalidades aos partidos do bipartidismo. Por iso están a anos luz das versións progresistas do «uso alternativo do Dereito» ou a «xustiza transicional».

 Doutra banda, na xudicatura é predominante o compoñente étnico da nación maioritaria (española) e, por suposto, unánime a lealdade á nación española con rexeitamento activo a que se constrúa outro demos (catalán ou vasco), diferente ao español. Non se parece ao esforzo de neutralidade da xudicatura canadense ou británica. E hop! Resólvese o dilema dicindo que España «é a casa de todos», a casa común (gústeche ou non, e porque o digo eu) sen ser iso certo para uns cantos millóns de españois (cataláns, vascos, e non poucos galegos, canarios, andaluces, valencianos, mallorquíns...) que nunca o foron, ou deixaron subxectivamente de selo, e senten excluída a súa propia soberanía popular.

 Nunca mellor dito, a xudicatura é xuíz e parte neste tema político. Non está cualificada e é un atranco para o progreso da historia porque o seu é só a lei fixada. Os cambios nunca se orixinan nas leis; supéranas.

 Nesta ocasión a sede xudicial transformouse no punto no que chocaron xulgadores e xulgados en torno a dúas identidades nacionais (a española que conta con Estado e entende como un desafío que alguén non a acepte, buscando impoñela; e a catalá emerxente, desde o sentimento colectivo maioritario en Catalunya e que se sabe subalterna e maltratada) e dúas lexitimidades (os xuíces ao Estado español e á nación catalá os encausados, pensando de boa fe que dentro da legalidade e de forma pacífica calquera proxecto era posíbel).

 Son dous imaxinarios: o un autoritario e etnicista e o outro proxectivo e de futuro que inclúe a mestizaxe catalá como un dato e un valor republicano. Están situados en órbitas opostas e inmiscíbeis. Un choque de lexitimidades, legalidades e lealdades que non se poden recoñecer mutuamente, e sen pontes, neste momento. Esta ferida inflixida á casa catalá será traumática e de consecuencias duradeiras.

A involución permanente

 O tema vén de lonxe. O réxime do 78, nado dun pacto espurio e en falso, non fixo senón dexenerar desde a súa orixe. Se Trotsky teorizou sobre a «revolución permanente» para alcanzar e asentar o socialismo, cabería caracterizar o proceso español desde a Transición como de «involución permanente», de esclerose dexenerativa do sistema político. Só lembro unha etapa de parcial alivio: o primeiro Goberno Zapatero.

 A transición xa se baseou na negativa aos dereitos nacionais, o disciplinamento das reivindicacións sociais, a monarquía imposta, a amnistía aos franquistas e o esquecemento. Porén, lexitimouse nas consultas da Constitución española e dos Estatutos de Autonomía, entendidos como pactos de mínimos que, ao cabo, resultaron tan incumpridos como de máximos.

 Pero xa desde o seu inicio sufriu un proceso involutivo con diferentes fitos e voltas de parafuso, como cravos que remachan a dexeneración dun réxime cada vez menos democrático e máis preto dun modelo autoritario non populista (sen líderes carismáticos).

 O primeiro cravo foi a Lei Orgánica de Harmonización do Proceso Autonómico (LOAPA) en 1982 que recibiu o impulso definitivo co tejerazo de 1981 entendido, ao cabo, como un aviso militar a navegantes. Reinstaurouse a recentralización. Acompañárono o recorte sistemático de dereitos sociais.

 Seguiu -segundo cravo- o terrorismo de Estado dos 80 do que o seu responsábel segue impune e os seus correlixionarios seguen asubiando cara ao ceo sen dicir que matar desde o Estado estivo mal.

 O terceiro cravo foron as lexislacións antiterroristas cada vez máis duras e menos garantistas que se aplicaron, por oportunidade política, bastante máis aló daquel ETA que, coa súa crueldade inútil, traumatizou Euskal Herria durante décadas. Na versión teorizada por Garzón, converteuse en lexislación ad hoc contra un sector -ilegalización da esquerda abertzale, cárcere para a súa dirección...- e de aplicación ampliada -EGIN, Egunkaria...- incluíndo tentativas contra as institucións vascas na etapa de Mayor Oreja. O PP nunca pediu perdón por iso e aínda menos se demarcou das súas raíces franquistas nin asumiu a súa responsabilidade na represión e miseria colectiva entre 1936 e 1976.

 Seguiu -cuarto cravo- a negativa en 2005 ao diálogo sobre un Estatuto Político (Plan Ibarretxe) que non era de independencia, nacido dunha maioría parlamentaria. O TC martelou o quinto cravo coa prohibición da consulta popular proposta en 2008 polo Goberno vasco sobre o futuro do país.

 O sexto cravo xa rebordou Euskal Herria -fomos un campo de experimentación autoritaria- e abrangueu a toda a cidadanía española, ante a forza dos movementos do 15M e anti-desafiuzamentos. Adoptouse unha visión expansiva da desorde pública para calquera opinión alternativa mediante a Lei de Seguridade Cidadá ou Lei Mordaza de 2015 igualmente aplicadas a piquetes sindicais.

 A partir de aí as involucións levan o selo da represión política contra as reivindicacións catalás con catro cravos máis: a sentenza do TC en 2010, a represión do 1-O de 2017, a aplicación do artigo 155 e esta última sentenza do 14-10-2019 como remate de tanta infamia.

 Unha casa «común» tan inhóspita -case en ruínas- como allea e na que non cabe a esperanza tras esta sentenza.

 

[Artigo tirado do sitio vasco Naiz, do 16 de outubro de 2019]