O Tribunal Supremo dálle á razón á CIG: Correos está obrigada a entregar o uniforme tamén ao persoal eventual

A sentenza ten impacto estatal e afecta a máis de 4.000 profesionais de reparto que Correos mantiña como “persoal de segunda”
Nacional - 06 Feb 2026

O sector de Correos da CIG-Administración acadou unha vitoria xurídica definitiva na defensa dos dereitos do persoal temporal da Sociedade Estatal postal. A Sala do Social do Tribunal Supremo vén de rexeitar o recurso de casación interposto por Correos, confirmando a sentenza da Audiencia Nacional que obriga á empresa a subministrar as mesmas prendas de uniformidade ao persoal eventual que ao persoal fixo.

A sentenza, que xa é firme, cualifica a política empresarial de Correos como “contraria ao ordenamento xurídico” e vulneradora do principio de non discriminación. Segundo o fallo, non existe ningunha xustificación obxectiva para que o persoal con contrato de duración determinada non reciba o equipo de traballo necesario para o desempeño das súas funcións en igualdade de condicións que os seus compañeiros e compañeiras fixas.

Impacto estatal e lexitimidade da CIG

Dende o sector de Correos da CIG destacan a dobre importancia deste pronunciamento. Por unha banda, os efectos da sentenza teñen ámbito estatal e afectarán a máis de 4.000 traballadores e traballadoras de reparto en todo o Estado español. Por outra banda, o Tribunal Supremo ratifica a lexitimación da CIG para formular conflitos colectivos de ámbito estatal, consolidando a súa capacidade de acción sindical máis alá de Galiza.

Campaña de reclamación económica

Tras esta vitoria, a CIG anuncia a posta en marcha dunha campaña de reclamacións masivas. O sindicato instará ao persoal afectado a solicitar:

  1. Compensación económica retroactiva polos prexuízos causados pola non entrega de uniformes dende abril de 2023 (un ano antes da interposición da demanda). A reclamación basearase no custo real das prendas que o persoal tivo que suplir pola súa conta.
  2. Fornecemento inmediato: A entrega de todo o uniforme regulamentario a partir deste momento sen distinción pola modalidade de contrato.

“Non imos permitir que unha empresa pública como Correos siga aforrando custos á conta de precarizar e discriminar ao persoal eventual”, sinalan o secretario nacional da CIG-Correos, John Vivanco. A central sindical fai un chamamento a todos os traballadores e traballadoras prexudicadas para que se poñan en contacto coas súas seccións sindicais e inicien os trámites de reclamación.