Servizos públicos e fiscalidade

Antoni Soy - 16 Dec 2021

Os neoliberais acreditan no mercado, pero queren que este sexa eficaz e eficiente, e necesitan que o sector público estableza as regras do xogo e as normas que aseguren o seu funcionamento óptimo e a súa xeneralización (mercantilización) a todos os ámbitos posíbeis. Mais non queren que o sector público teña un papel económico activo

 Soberanía nacional, ben común, interese xeral, espírito público, servizos públicos son principios republicanos que van ligados á liberdade, igualdade e fraternidade/solidariedade das persoas que viven en sociedade. E os servizos públicos téñense que financiar a partir dun sistema fiscal xusto. Hoxe, a loita polos servizos públicos e por unha fiscalidade progresiva é unha loita política. É unha resistencia ao neoliberalismo e unha loita anticapitalista. Necesítanse gobernos, nacionais e internacionais, con lexitimidade e poder para loitaren polo que é público/común fronte ás elites e as empresas transnacionais.

 A primeiros dos 70, o capitalismo sufriu unha crise de rendibilidade do capital, por unha correlación de forzas desfavorábel respecto do traballo, que se forxou nos anos anteriores. E reaccionou co neoliberalismo, a versión financeirizada e autoritaria do capitalismo. En Europa (cos Tratados europeos), e na maioría de países desenvolvidos occidentais, co apoio de moitos organismos internacionais, estendeuse o dominio da competencia, a desregulación dos mercados (de capitais, de mercadorías, do traballo), baixáronse os impostos ás elites máis ricas e ás empresas, principalmente transnacionais, privatizáronse ou externalizáronse empresas e servizos públicos. Queríase desmantelar calquera rastro de solidariedade e fraternidade. E, nun paradoxo aparente, o neoliberalismo baseábase (e baséase) en que o poder do capital privado dependerá da intervención pública. Os neoliberais acreditan no mercado, pero queren que este sexa eficaz e eficiente, e necesitan que o sector público estableza as regras do xogo e as normas que aseguren o seu funcionamento óptimo e a súa xeneralización (mercantilización) a todos os ámbitos posíbeis. Mais non queren que o sector público teña un papel económico activo.

 De aí, os grandes procesos de privatización ou externalización de empresas e servizos públicos. Enténdese por privatización a venda dos activos dunha empresa pública, total ou parcialmente, a investidores privados que teñen a responsabilidade da empresa, para fornecer aos usuarios dos produtos ou servizos correspondentes. E enténdese por externalización que empresas ou outras organizacións ofrezan os servizos en nome do sector público. A maioría de países capitalistas occidentais, seguindo as pegadas de Reagan e Thatcher, privatizaron unha parte importante das súas empresas públicas e externalizaron moitos dos seus servizos públicos. No caso do Estado español, segundo a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais), a partir de 1984, privatizáronse máis de 120 empresas con participación do Estado, que supuxeron uns ingresos duns 45 mil millóns de euros. Entre elas, empresas tan estratéxicas como Repsol, Endesa, Telefónica ou Iberia. A SEPI di que esta era a tendencia existente a Europa, para se adaptar á normativa europea de desregulación e de defensa da competencia. Aínda así, antes da entrada de España ao euro tamén serviu para cumprir cos criterios de déficit e débeda públicos do Tratado de Maastricht. A Generalitat de Catalunya tamén privatizou, no seu momento, a maioría do capital de empresas tecnolóxicas estratéxicas por exemplo IDIADA ou LGAI. Así como noutros países, por exemplo Francia ou o Reino Unido, existe unha estimación cuantitativa das externalizacións dos servizos públicos das administracións públicas, non souben atopalo (quizais existe?) nin polo Estado español nin por Catalunya ou conxunto dos Países Cataláns.

 A externalización dos servizos públicos segue un proceso que responde, en todas as súas fases, a unha vontade política, europea e estatal/rexional, moi clara e precisa, e propia do neoliberalismo. Empézase poñendo en dúbida a eficacia e eficiencia do servizo público. Continúa co abandono das infraestruturas do servizo mencionado, cousa que dá lugar a unha degradación dos servizos ofrecidos. Isto produce unha menor demanda e menos eficacia e eficiencia na prestación dos servizos, e é o motivo que xustifica a apertura á competencia (privatización) do servizo público (ou empresa pública) do que se trata. A deterioración do servizo público fai diminuír aínda máis a demanda e multiplicar/diferenciar a prestación dos servizos (dos máis baratos aos de máis alta gamma), cousa que implica a segmentación dos usuarios e a fin da igualdade propia da prestación dos servizos públicos. Finalmente, esíxese aínda máis rendibilidade aos servizos ofrecidos, que deixen de ser un medio para conseguir un obxectivo de interese xeral para pasar a ser unha finalidade en si mesma.

 En definitiva, a externalización dos servizos públicos ou a privatización das empresas públicas responde ao criterio neoliberal de que o sector público é ineficaz e ineficiente na utilización dos recursos públicos, e que a competencia xeneralizada (coa privatización de empresas públicas ou a externalización de servizos públicos) permitirá unha utilización máis acaída (eficaz e eficiente) dos recursos públicos, así como a difusión das mellores prácticas de xestión existentes. Isto predícase por parte das empresas privadas, a Unión Europea, os organismos internacionais ou os gobernos (estatais, rexionais ou locais) que abrazaron o neoliberalismo ou que fan, en cada momento, o que propugna a ideoloxía dominante. Pero ninguén o puido demostrar de forma concluínte, e existen diferentes estudos, tamén de organismos internacionais, que o poñen en dúbida. É unha opción e unha elección totalmente e estritamente política.

 Outro argumento que se utiliza é que como que os recursos existentes son escasos, non se recadan impostos suficientes para poder realizar todos os gastos públicos necesarias. Ou que desde o sector público non se poden satisfacer adecuadamente as necesidades da xente. E que privatizando ou externalizando se vai poder facer. Máis e máis tópicos do paradigma dominante que ninguén, de novo, puido demostrar concluintemente. E isto dános pé a facer algunhas preguntas. Por que os sectores públicos dos países desenvolvidos gastan tanto en fabricar armamento, que só leva guerras, mortes, fame, destrución, exiliados, etcétera, aos países do Sur global? Que pasa cos 483 mil millóns de dólares/425 mil millóns de euros que perden os países cada ano na recadación de impostos polo abuso fiscal das empresas transnacionais e as elites dos máis ricos, que agochan activos e fontes de ingresos ao estranxeiro (aos paraísos fiscais) -segundo consta no Informe sobre a Xustiza Fiscal, de 2021, feito por un equipo encabezado polo Tax Justice Network-, cos que se poderían cubrir tres veces o custo da compra e distribución de dúas doses da vacina covid-19 pola poboación mundial? Que pasa cos máis de 7,2 mil millóns de dólares/6,4 mil millóns de euros (4,5 mil millóns das multinacionais e 1,9 mil millóns das elites dos máis ricos) que, segundo a mesma fonte, e polos mesmos motivos, perde cada ano o Estado español (un 2,5% anual do total dos ingresos fiscais ou 136 euros por cada habitante do país), e co que se poderían vacinar de covid 419 millóns de persoas, 9 veces a poboación española ou o 8,5% do orzamento total dedicado a sanidade? E todo isto é só a punta do iceberg porque habería que engadir as perdas indirectas que afectan outros países (que no caso das empresas transnacionais se estimou que son, como mínimo, tres veces superiores ás perdas directas), ou ben a elusión fiscal que se practica no interior dun mesmo sido usando os “paraísos fiscais internos”, por exemplo Delaware nos EUA ou a C.A. de Madrid no Estado español.

 Segundo Tax Justice Network, un sistema fiscal xusto e eficaz requiriría conseguir as 4 R: Renda para financiar os servizos públicos; Redistribución para frear as desigualdades; Reformulación de prezos para facer fronte aos danos públicos da extracción de combustíbeis fósiles e o consumo de tabaco; Representación política que recoñeza o papel fundamental da fiscalidade para garantir que os gobernos dean contas á cidadanía. Isto pode reforzar principios cruciais para a promoción dos dereitos humanos: transparencia, participación, responsabilidade, sostibilidade, supresión da discriminación estrutural, fomento da igualdade. As medidas para apoiar a xustiza fiscal son moitas, pero non doadas de implementar, e pódense salientar: a transparencia integral da propiedade dos activos patrimoniais e das fontes de ingresos; a fin do segredo bancario; rexistros públicos transparentes dos beneficiarios reais das propiedades patrimoniais e os ingresos anónimos; un rexistro de activos mundial; informes públicos por países das actividades e contabilidades das empresas multinacionais. De forma inmediata, propoñen tres actuacións: un imposto sobre o patrimonio/riqueza das elites dos máis ricos e que se enriqueceron aínda máis no período de pandemia; un imposto aos beneficios extraordinarios, relacionados coa pandemia, das empresas (basicamente transnacionais, e particularmente, pero non só, farmacéuticas) que os conseguiron; finalmente, trasladar a elaboración das regras fiscais internacionais da OCDE á ONU.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 15 de decembro de 2021]