Sindicato e partido, o fortalecemento mutuo

Manuel Mera - 10 Out 2019

O partido de clase é a ferramenta que racha os muros que reducen a loita de clases ao marco da empresa, que permite que a clase traballadora teña o protagonismo que lle corresponde na sociedade e nas institucións

 Sen dúbida o sindicato é unha estrutura básica para unir, organizar e mobilizar a clase traballadora, e fundamentalmente para que esta conquiste novos avances e se defenda con éxito ante os ataques da patronal, que son moitos e están sempre presentes. Non é só teoría, lembremos. O sindicalismo foi moi efectivo na loita contra a ditadura para conseguir melloras nas condicións laborais e dereitos democráticos elementais. Seríao despois na Galiza para se opoñer ao peche do sector naval coa chamada “reconversión”, frear o proceso de privatización das pensións e a sanidade. Volve selo co triunfo da globalización neoliberal, por mor da caída do chamado socialismo real, e o comezo do auxe contratación eventual, da terciarización, das empresas dixitais fantasmas. 

 O que non se debe obviar é que, logo dunha dura década de axuste en prexuízo dos países dependentes e da clase traballadora, nas empresas e sectores nos que existe unha forte afiliación e un sindicalismo coherente e combativo séguense a conseguir triunfos. Estes expresáronse na mellora das condicións laborais, ou porque estas recuaron menos que naquelas empresas e sectores nos que non existe presenza sindical ou esta é cativa. Estes avances déronse malia as crises, en realidade axustes entre as clases e os territorios, que se repiten cada en vez en prazos máis curtos de tempo, e a que o capitalismo ten cada vez un carácter máis voraz e depredador (horas extras que non se pagan, falsos/as autónomos/as, ritmos de traballo extenuantes, desfeita ecolóxica, etc).

 Ademais, non se pode esquecer que estes triunfos se conseguiron malia a derrota que implicou a caída da URSS e do socialismo real, tanto respecto da xustiza social como da soberanía das nacións. Do que resultou unha grande hexemonía das clases dominantes na loita das ideas e no estado de animo das clases populares. Un recuar que se fortaleceu co avance da globalización neoliberal, dun mundo globalizado e con poderes cada vez máis afastados do pobo. Foi unha derrota. Daquela, que resulte lóxico que a tendencia dominante amose un crecemento constante da precariedade, a marxinalidade e da redución dos salarios na torta do PIB. Ao que axuda especialmente as contrarreformas laborais en beneficio da patronal, e a imposición de dunha lexislación que limita dereitos de manifestación e protesta máis combativa e efectiva (Lei Mordaza, artigo 315.3 do Código Penal ), utilizando como argumento todo tipo de escusas (dende o terrorismo até o suposto dereito ao traballo dos esquirois), ignorando a situación de desvantaxe, entre a clase traballadora e a patronal, sobre a que se dá a contratación, e se fixan salarios e condicións laborais.

 Neste retroceso das clases populares, e do seu cerne, a clase traballadora, xogou un papel destacado non só a perda de peso das centrais sindicais senón, e moi especialmente, a debilidade e mesmo a desaparición práctica como forzas con capacidade actuante dos partidos de clase. O partido é unha ferramenta central por dúas razóns. A primeira, porque vincula a loita sindical coa disputa do poder político, coa conquista de hexemonía nas institucións, con todo o que isto representa na construción do poder popular e no estado de ánimo da clase traballadora. A segunda, porque a existencia do partido no centro de traballo leva a este a disputa do poder político, tanto porque a vincula directamente a loita política coa conflitividade laboral, como porque é esencial para a formación dunha vangarda partidaria que xurda da loita de clases, da primeira liña de combate contra a explotación.

 E neste aspecto o partido de clase non pode ser substituído por ningunha outra organización política, sexa esta unha fronte ou un movemento. Máxime calquera destas estruturas organizativas asume un carácter interclasista, ou sexa de conciliación das diverxencias de clase. Para servir aos intereses da clase traballadora na fronte cada partido debe manter a súa independencia e obxectivos estratéxicos, pactando para esa etapa un programa de mínimos e unha folla de ruta comúns. E na que o partido debe realizar tarefas propias e manter viva súa mensaxe encol dos obxectivos estratéxicos da clase. Así como asegurar que sexa unha reivindicación prioritaria da fronte: un reparto xusto do traballo; salarios, condicións laborais, pensións, e servizos e prestacións públicas dignas; e o protagonismo que lle corresponde á clase traballadora nas estruturas sociais e nas institucións. E para iso é fundamental que garanta a súa independencia de acción, a iniciativa e o peso que lle corresponde nos organismos de dirección da fronte. Só deste xeito o partido será unha ferramenta útil para a clase traballadora, evitando o risco de terminar convertido nunha corrente interna, reducindo a súa eficacia á menor ou maior capacidade para incidir nos organismos de dirección da fronte e situar candidatos/as nos procesos electorais.

 En resumo. Os partidos, o partido, é esencial para fortalecer o sindicalismo, xa que lle dá  perspectiva estratéxica para lograr un sistema sen explotación e opresión. Asemade, contra o que se di dende o poder e sectores ligados a el ideoloxicamente, o partido permite confrontar con eficacia o momento actual. Un contexto no que os ingresos da clase traballadora dependen dos salarios e das condicións laborais, porén tamén da fiscalidade, así como dos servizos e das prestacións públicas, como: a sanidade e o ensino, as axudas ás persoas desempregadas e á dependencia, a garantía de pensións dignas, etc. Tampouco se pode esquecer que a clase traballadora non está a marxe da preservación dos ecosistemas, da cultura e lingua, da historia que se ensine, da democracia e da soberanía nacional para Galiza, do que suceda no ámbito internacional, da información que se divulgue, do papel dos medios de comunicación na formación de hábitos, opinións, e do que está a acontecer. Ou sexa, o partido de clase é a ferramenta que racha os muros que reducen a loita de clases ao marco da empresa, que permite que a clase traballadora teña o protagonismo que lle corresponde na sociedade e nas institucións.

 Sen partido, o sindicalismo, por máis comprometido e combativo que sexa, como é concretamente a CIG, non poderá dar o salto cualitativo para conquistar a liberación nacional e social do pobo galego (e polo tanto da clase obreira). Daquela que anime o lector e lectora deste artigo a que milite nun partido nacional galego e de clase; e a estes partidos a que teñan en conta que o mellor xeito de gañar militancia é cumprindo, sen complexos nin ambigüidades, no día a día, o papel estratéxico para o que naceron.

 

 

[Vigo, 10 de outubro de 2019]