Sindicatos do Ámbito sanitario inician mobilizacións o 16 de setembro polo bloqueo da negociación do Estatuto Marco
As organizacións sindicais do Ámbito de Negociación do SNS, SATSE-Fses, FSS-CCOO, UGT, CSIF e CIG-Saúde, denunciaron esta mañá, en rolda de prensa que, tras case tres anos de traballo e preto de 40 reunións, o Ministerio de Sanidade pretende agora romper unilateralmente o calendario pactado e pechar en falso un proceso que debería culminar nun Estatuto Marco moderno, capaz de dar resposta aos problemas reais do persoal do SNS.
Exixen continuar a negociación
Os sindicatos esperan que o próximo 16 de setembro se convoque a mesa do Ámbito de Negociación e que o Ministerio remita un novo texto que recolla as achegas realizadas polas Comunidades autónomas e polas organizacións sindicais, establecendo como medidas irrenunciables:
- O recoñecemento retributivo ligado á nova clasificación profesional.
- dereito á xubilación voluntaria, anticipada ou parcial.
- A xeneralización da xornada de 35 horas semanais.
- O recoñecemento do solape de xornada para garantir a continuidade asistencial.
- A mellora da organización da xornada laboral, tanto ordinaria como complementaria.
Do mesmo xeito, o informe xurídico remitido polo Ministerio, datado en marzo e feito público agora, carece de sentido, xa que responde a demandas que nunca foron expostas polas organizacións sindicais.
Mobilización se o Ministerio non rectifica
A prioridade segue sendo o acordo. Con todo, se o Ministerio insiste en enviar o proxecto de Estatuto Marco ao Congreso dos Deputados sen o consenso sindical, as organizacións sindicais do Ámbito veranse obrigadas a iniciar un calendario de mobilizacións, que arrincará o próximo 16 de setembro con concentracións en centros de traballo, ás que seguirá unha mobilización central o 1 de outubro ás portas do Ministerio de Sanidade, e xornadas de paros parciais posteriores e folga xeral no sector que anunciaremos ao seu debido momento.
Un Estatuto Marco para todas e todos os profesionais do SNS
O Estatuto Marco debe ser unha norma para todo o persoal do Sistema Nacional de Saúde, que contemple melloras reais nas condicións laborais e profesionais. Non se aceptará que se peche en falso unha negociación histórica que afecta a preto dun millón de traballadoras e traballadores do sistema sanitario público.
Mobilizacións en Galiza
En Galiza, as concentracións están previstas nos hospitais Arquitecto Marcide, CHUAC, HULA, Clínico, CHUOU, Montecelo e Álvaro Cunqueiro.
As e os responsables das organizacións sindicais convocantes estarán no Hospital Clínico para facer as declaracións.