Sindicatos europeos, entre os que está a CIG, fan un chamamento urxente pola suspensión do Acordo de Asociación con Israel

Internacional - 21 Xan 2025

Ante a próxima reunión do Consello de Asuntos Exteriores programada para o 27 de xaneiro, varias organizacións sindicais e confederacións europeas, entre as que está a CIG, pedíronlle á Comisión Europea que cumpra coas súas obrigas e revise o cumprimento por parte do Goberno israelí do artigo 2 do Acordo de Asociación UE-Israel.

O grupo de 34 sindicatos instan a Comisión a cumprir coa súa responsabilidade como 'Gardián do Tratado', atendendo o ditame consultivo da Corte Internacional de Xustiza, as peticións de febreiro de 2024 dos Gobernos de Irlanda e o Estado español, e recomendar as medidas axeitadas ao Consello para abordar as graves violacións do dereito internacional humanitario por parte do Goberno israelí durante os últimos 15 meses.

"Desde outubro de 2023 morreron máis de 46.000 palestinos e palestinas en Gaza, e hai cando menos 10.000 persoas desaparecidas, ou baixo os cascallos, segundo as cifras da ONU", indica a carta.

Preocúpanos especialmente a falta de actuación da Comisión Europea no contexto da investigación en curso da CPI sobre o xenocidio, as ordes de arresto para os líderes israelís, e as resolucións e informes da ONU"

 "Os membros dos sindicatos vémonos particularmente afectados polas accións, cada vez máis brutais, do Estado de Israel, incluíndo o obxectivo deliberado de persoal médico, cooperantes e xornalistas. Máis de 1.000 traballadores e traballadoras sanitarias e 318 cooperantes morreron en Gaza, incluídos 235 funcionarios/as da ONU. 200 cooperantes morreron en sete meses, superando o número total de mortos en todo o mundo en calquera ano das últimas dúas décadas".

As centrais sindicais preocúpalles especialmente a falta de actuación da Comisión Europea no contexto da investigación en curso da Corte Penal Internacional sobre o xenocidio de Israel, as ordes de arresto da CPI emitidas para os líderes israelís, as resolucións e informes da ONU, así como as sentenzas da Corte Internacional de Xustiza e a Opinión Consultiva emitida por este organismo da ONU.

Aínda que as novas sobre o tan agardado alto o fogo son moi ben recibidas, xa que ofrecen un respiro temporal e necesario, segue habendo unha necesidade de presión e rendición de contas a nivel internacional.

Polo tanto, os sindicatos exixen que a Comisión Europea cumpra o seu deber, revisando o Acordo de Asociación UE-Israel e recomendando ao Consello a suspensión do tratado, tendo en conta as infraccións de Israel do artigo 2 como tamén reafirmaron a CIX e outros órganos relevantes das Nacións Unidas. Ademais, instamos os países europeos a que cumpran coa súa obriga de absterse de colaborar no mantemento da situación ilegal derivada das violacións por parte de Israel das normas imperativas, incluso interrompendo o comercio cos asentamentos israelís e suspendendo a subministración de equipos militares, así como a transferencia de armas a través de os seus territorios”.

Ligazón á Páxina de ETUN (Rede Sindical Europea Pola Xustiza para Palestina)

Acceso ao texto da carta en galego