Sindicatos europeos piden ás empresas listadas pola ONU que se retiren das actividades económicas nos asentamentos ilegais israelís

34 organizacións, entre elas a CIG, remitiron cartas ás 112 compañías
Internacional - 05 Feb 2021

A partir dunha iniciativa da Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina, da que a CIG forma parte, 34 organizacións sindicais enviaron cartas ás 112 empresas incluídas na base de dados da ONU pola súa complicidade e/ou implicación con actividades desenvolvidas nos asentamentos ilegais israelís.

Esta é unha actividade máis das moitas que se están a realizar pola Rede, que se decidiu pór en marcha desde a Equipa Coordinadora (da que a CIG tamén fai parte) xa o ano pasado, logo de que o 12 de febreiro de 2020, a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (ACNUDH) [OHCHR, polas súas siglas en inglés] publicara unha base de datos de empresas implicadas en actividades comerciais que manteñen e facilitan a consolidación dos asentamentos ilegais israelís nos Territorios Palestinos Ocupados. 

A base de datos enumera 112 empresas que, tras dunha ampla consulta e investigación da ONU, están involucradas en actividades empresariais substanciais e materiais relacionadas cos asentamentos.

Na carta remitida, as organizacións sindicais piden a todas esas empresas que se retiren inmediatamente de todas as actividades nos asentamentos ilegais israelís, incluído o subministro de equipas e servizos a estes.

Así mesmo, no escrito as organizacións manifestan a súa intención de seguir alentado "os gobernos, os organismos públicos e os fondos de pensións a que tomen medidas para garantir que as decisións de compra, contratación e investimento non contribúan á violación dos dereitos humanos e laborais e do dereito internacional, utilizando a contratación e a desinversión cando sexa necesario".