Sobe o paro en 5505 persoas e triplícase a caída de afiliación á Seguridade Social

O número de contratos tamén foi superior ao rexistrado no mes de xaneiro de anos anteriores, evidenciando a alta rotación
Nacional - 04 Feb 2019

O mes de xaneiro rematou con 174.800 persoas inscritas nas oficinas do SEPE, o que supón 5505 desempregados/as máis (+3.25%). Non obstante, a pesar desta caída do emprego, o número de contratos rexistrados o pasado mes alcanzou os 82.401, unha cifra superior á rexistrada durante o mes de xaneiro de anos anteriores. Isto demostra a forte rotación e a escasa duración dos contratos e que a precarización do mercado laboral se está agravando, xa que aínda que medra o desemprego e polo tanto hai menos persoas no mercado de traballo, o número de contratos continúa coa súa tendencia ascendente.

Este medre do desemprego vén producido pola fin da contratación no sector servizos ao rematar o período de nadal, e foi neste sector onde se rexistrou o maior medre do paro, un 4,86% máis que no mes anterior. Pero o dato do desemprego contrasta co da afiliación á Seguridade Social, xa que mentres o paro rexistrado aumenta en 5505 persoas en Galiza, a afiliación descendeu en 13.737 persoas, case o triple. 

Estes datos evidencian o continuo deterioro do mercado laboral e o empobrecemento da clase traballadora

Para o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, estes datos evidencian o continuo deterioro do mercado laboral e o empobrecemento da clase traballadora, condicións que favorecen que Galiza siga a sufrir o drama da emigración, especialmente entre a xente máis nova, tal e como reflicten os últimos datos da EPA. Por todo isto, Cartelle reitera a “urxente necesidade” de lograr a derrogación das contrarreformas laborais “que unicamente crean emprego lixo e afondan no empobrecemento e na exclusión social da clase traballadora".

"O Goberno debería comezar a facer políticas a favor das traballadoras e traballadores, en vez de ser fiel ás políticas en beneficio da oligarquía económica, que o PP acentuou nos últimos anos, e o PSOE está a continuar", asevera Cartelle. A este respecto, chama a atención sobre o feito de que nestes momentos as persoas que "malviven" co subsidio ou unha Renda de Inserción Activa "son máis que as que o fan coa prestación por desemprego".

Por todo iso, Cartelle urxe un cambio de rumbo nas políticas de emprego "para poder rematar co modelo de traballo precario construído por esas contrarreformas laborais do PSOE e do PP”.