Sobre a balcanización de Latinoamérica

Alfredo Serrano Mancilla -

A balcanización de Latinoamérica é un novo trazo característico da actual xeopolítica en disputa. E iso nótase cada vez máis en case todos os espazos de integración: Mercosur, Alianza do Pacífico, Unasur e ALBA

 O novo presidente de Colombia, Iván Duque, manifestou que non está disposto a seguir acudindo ás roldas de negociacións da Alianza do Pacífico. Pola súa banda, Arxentina solicitou a anulación da decisión 32/00 do Mercosur que prohibe os seus países membros asinaren novos acordos comerciais por si sós. Se gaña Bolsonaro, seguramente Brasil tomará o mesmo camiño: saír de Mercosur. E outro caso semellante é o de Ecuador, que abandonou hai moi pouco o ALBA. Non son situacións illadas. Trátase dun fenómeno cada vez máis forte que está tendo lugar en Latinoamérica nesta nova época. Cada quen abandona a vía de se integrar a través dun bloque e, pola contra, transita cara a unha nova forma de se relacionar co mundo: unha sorte de “sálvese quen poida”, de xeito individual.

 Pasou unha década desde que o mundo abalase despois do crash financeiro do 2008. Desde aquela, moitas cousas cambiaron en chave xeoeconómica. Transformouse o mundo financeiro en todas as súas dimensións, reconcentrándose a banca, e os grandes paparon os pequenos. Ademais, estamos a vivir un proceso de exceso de liquidez global debido a que Estados Unidos e a Unión Europea levaron a cabo a “gran emisión monetaria” nestes anos. En consecuencia, para dar saída a esa nova masa monetaria, o endebedamento global medra. O mundo está un 12% máis endebedado que hai unha década.

 Ao mesmo tempo, no plano da economía real, a produtividade segue en descenso e o comercio crece a taxas moi baixas. Estamos ante un prolongado proceso de contracción no que a taxa de crecemento non logra alcanzar os niveis precrise. E as predicións non son moito mellores: o último informe da OCDE (The long view: scenarios for the world economy to 2060) considera que a taxa de crecemento do PIB real estará próxima ao 2% para o ano 2060.

 Esta metamorfose tamén se nota no reordenamento dos países en canto á súa importancia económica. Os chamados emerxentes, de feito, xa emerxidos, cobran cada día máis protagonismo. Tanto é así que o citado informe da OCDE prognostica que o centro de gravidade da economía mundial se seguirá a desprazar de Norteamérica e Europa cara ao continente asiático. China, India e Indonesia serán chave neste movemento, así como Rusia, Turquía, Sudáfrica e Corea do Sur.

 Nada é como antes: nin o resultado do Brexit, nin a chegada de Trump á Presidencia; tampouco todo o ocorrido en Latinoamérica. houbo importantes cambios de goberno que representan viraxes políticas e xeopolíticas. O escenario rexional mudou moito nestes anos, e isto ten as súas secuelas no comportamento de integración no mundo. Estase a substituír progresivamente a fórmula de se asociar en bloque pola da vía individual, aplicando un criterio darwinista para sobrevivir nun clima global adverso. Cada vez hai menos patróns comúns nos bloques conformados para se relacionar cara a fóra. Cada quen fai o que lle peta: procura lograr acordos comerciais co país que o permite, tentando aproveitar algunhas vantaxes comparativas, obter investimentos produtivos -dadas as potencialidades nacionais e o interese externo- e conseguir financiamento como boamente se poida.

 Estamos, xa que logo, ante un novo fenómeno de menor homoxeneidade na forma en que os membros dun bloque se relacionan cos países do exterior. Cada un negocia por si só, e o que parecería unha vantaxe no curto prazo, ao cabo pode ser un gran inconveniente porque se perde forza na capacidade de negociación coas grandes potencias.

 E é así como o marco dominante de “necesidade en adversidad” está a forzar a cambiar a lóxica de inserción, provocándose un reordenamento xeopolítico de gran magnitude en Latinoamérica. Esta viraxe será determinante para os anos vindeiros á hora de comprender con maior clareza como a rexión se transforma no interior e na súa relación co exterior.

 Todo se resume nesta frase: a balcanización de Latinoamérica é un novo trazo característico da actual xeopolítica en disputa. E iso nótase cada vez máis en case todos os espazos de integración: Mercosur, Alianza do Pacífico, Unasur e ALBA.

 

[Artigo tirado do sitio web Celag, do 17 de outubro de 2018]

Volver