Solicitan penas de prisión para dous responsábeis de Transegre por un delito contra a liberdade sindical

A CIG presentara unha denuncia contra a compañía pontevedresa por despedir os candidatos da central

Pontevedra -

A Fiscalía reclama dous anos de prisión para o xerente da compañía Transegre, pertencente ao grupo empresarial catalán Vall Companys e que presta servizo para Avícola de Galicia, e para o responsábel do centro de traballo de Campañó, en Pontevedra, como presuntos autores dun delito contra a liberdade sindical. A CIG presentara unha denuncia por vulneración deste dereito fundamental despois de que a dirección da firma de transportes despedise os dous candidatos da central no proceso de eleccións.

Os dous responsábeis de Transegre, que terán que sentarse no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 1 o vindeiro xoves 22 ás 11:00 horas, enfróntanse a penas de dous anos de cadea cada un deles, así como a inhabilitación especial para o cargo que ocupaban cando presuntamente cometeron o delito contra os dereitos dos traballadores. 

A CIG convoca unha protesta coincidindo co xuízo, que terá lugar o xoves 22

Segundo a fiscala, os dous procesados, Fernando Argibay e Fernando García Cruz, terían actuado “de común acordo e con ánimo de menoscabar a liberdade sindical” dos dous candidatos da CIG ás eleccións sindicais celebradas na empresa.

No escrito de acusación recóllese que un deles, tal e como denunciou a central no seu momento, tería interrogado os traballadores/as da empresa sobre a súa afiliación sindical e sobre quenes eran os candidatos a representantes do cadro de persoal. O outro sería o responsábel de executar os despidos dos candidatos da CIG ao proceso electoral.

Estas rescisións de contrato foron contestadas pola CIG cunha denuncia no Xulgado coa que lograron a nulidade e conseguiron unha importante indemnización para os afectados. Nun primeiro momento a empresa recorreu unha decisión que finalmente foi confirmada polo TSXG. Ao mesmo tempo, a Inspección de Traballo sancionou a empresa cunha multa de 30.000 euros por impedir o normal desenvolvemento das eleccións sindicais, despedindo os candidatos da central e impedindo o acceso de representantes sindicais ao centro de traballo o día das votacións.

Concentración o día do xuízo

A celebración do xuízo contra os dous cargos de Transegre foi anunciada en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, e polo responsábel da FGAMT, Xavier Aboi, que agardan unha sentenza condenatoria ante a “esperpéntica e delituosa” forma de actuar da empresa. “É moi triste que teñamos que acudir ao Xulgado para poder facer traballo sindical, pero quen a fai ten que pagala”, sosteñen.

Por iso reclaman unha sentenza exemplar contra a empresa por exercer a represión sindical dun xeito tan claro, mais aclaran que que a denuncia non se presentou co ánimo de que estas persoas estrasen na cadea, senón para que a compañía sexa declarada culpábel. “ O que si queremos é que as dúas persoas executoras destas ilegalidades se vexan afectadas, como así o foron os dous empregados aos que perseguiron pola súa afiliación sindical”. “Pisotear os dereitos dos traballadores/as non pode saír gratis”, rematan.

Volver