• Nova

Solidariedade do sindicalismo transformador coa parlamentaria da CUP Eulàlia Reguant e Antonio Baños

Abríuselles proceso por non responderen as preguntas de Vox no xuízo contra o referendo de Catalunya
Internacional - 17 Xan 2022

Os sindicatos asinantes desta declaración queremos mostrar o noso apoio e solidariedade á parlamentaria da CUP Eulàlia Reguant e Antonio Baños ante o proceso xudicial aberto contra eles dous por non responderen as preguntas do partido ultradereitista Vox no xuízo contra o referendo de Catalunya. O Tribunal Supremo decidiu abrir contra a parlamentaria da CUP un xuízo oral por supostos delitos de “desobediencia grave” e a fiscalía pide para ela medio ano de prisión e inhabilitación. O caso Antonio Baños, ao non estar aforado, quedou no xulgado de instrución de Madrid, onde tamén está aberto o xuízo oral.

Os sindicatos vemos, con moita preocupación, como cada vez en máis países están a aparecer e se están consolidando fenómenos de extrema dereita; o caso de Brasil con Bolsonaro, de Francia con Marine Le Pen ou Éric Zemmour, Vox no Estado español, os gobernos de Polonia e Hungría, a candidatura de Javier Milei en Arxentina… Neste contexto, están a aumentar os ataques fascistas contra as mulleres e o movemento feminista, comunidade LGTBI, organizacións independentistas e de esquerda. Tamén nos preocupa moito a conivencia dalgúns sindicatos europeos con partidos ultradereitistas, e a presenza cada vez maior de sectores de ultradereita nalgúns sindicatos.

A crise sistémica que vivimos actualmente deixou en evidencia a incapacidade deste modelo neoliberal, patriarcal e ecocida para garantir unhas condicións de traballo e de vida dignas. A crise sistémica que vivimos ademais, como non é só económica, senón tamén política, social e cultural, está a deixar varias fendas nas sociedades. A precariedade á que se condena á clase traballadora é cada vez máis evidente, aumentando exponencialmente as rendas do capital en detrimento das rendas de traballo. É por iso polo que as promesas incumpridas da esquerda e a incapacidade dos gobernos denominados progresistas de mellorar as condicións de vida das clases populares, aboan o terreo aos discursos populistas e ultradereitistas.

O fascismo articula no seu discurso dous elementos chave: O discurso é antifeminista e racista e defende a idea nacional desde parámetros reaccionarios. Exemplos claros disto son Fronte Nacional en Francia, Liga Norte en Italia, Vox no Estado español e AfD en Alemaña. É por iso polo que os sindicatos temos que defender os dereitos de todas as persoas e todos os pobos, sempre desde o internacionalismo e a solidariedade entre os pobos.

Os sindicatos europeos, na medida que somos representantes das e os traballadores, temos o deber ético e político de actuar e de facelo rapidamente ademais, antes de que sexa demasiado tarde. Por tanto, os sindicatos queremos empezar a traballar nunha dobre dirección: por unha banda, activar o traballo ideolóxico coas traballadoras e os traballadores, e doutra banda, intensificar a interpelación á clase política para camiñar nunha nova dirección que poña os dereitos de todas as persoas, os dereitos dos pobos e a sustentabilidade do planeta no centro. Só con políticas sociais que melloren as condicións de vida das clases populares e facendo unha fronte común contra o fascismo e a ultradereita poderemos parar o fortalecemento dos sectores reaccionarios.

Por todo iso, os sindicatos asinantes amosamos a nosa solidariedade con Eulàlia Reguant e Antonio Baños, e denunciamos o branqueo do fascismo por parte a xudicatura do Estado e este novo ataque á soberanía nacional de Catalunya que tenta trampear a vontade popular expresada polo pobo de Catalunya nas urnas.

13 de xaneiro de 2022

Asinado: Confederación Intersindical Galega, Confederación Intersindical, Central Unitaria de Traballadoras de Galiza, Colectivo Unitario de Trabajadoras y Trabajadores Aragón, Corriente Sindical d’izquierdas Asturies, ELA Euskal Herria, ESK Euskal Herria,, Intersindical Alternativa de Catalunya, Intersindical Canaria, Intersindical de Catalunya, Intersindical Valenciana, LAB Sindikatua Euskal Herria, Sindicato Andaluz de Trabajadores y Trabajadoras, Sindicato Asambleario de Sanidad, Sendicato d'os Treballadors e Treballadoras d'Aragon-Sindicato Obrero Aragones, Sindicato 25 de Marzo Extremadura, Sindicato Asambleario de Sanidad, Solidaridad Obrera, STEI Balears, STEILAS Euskal Herria.