Son urxentes outras políticas económicas, laborais e sociais por parte dos Gobernos español e galego

Non se pode permitir que se sigan a aplicar medidas que empobrecen máis a maioría do pobo

Nacional -

Non podemos permitir que se siga enfrontando esta crise con políticas que empobrecen máis a maioría do pobo e poñen en risco permanente a nosa saúde, mentres o capital segue marcando as decisións, sen garantías dos dereitos humanos fundamentais, dunha protección social plena e dun emprego e salarios dignos.

Chama a atención, en cambio, que si son áxiles os gobernos para aproveitárense do estado de alarma para confinar os nosos dereitos e as liberdades públicas e democráticas. 

Todas as medidas aplicadas son inxustas e insuficientes, e nacen das reformas laborais de 2010 e 2012

Todas as medidas económicas e laborais aplicadas son inxustas e insuficientes, e nacen das reformas laborais de 2010 e 2012, as cales no canto de se derrogaren están sendo duramente reutilizadas en novas versións acordadas no tóxico diálogo social que escandalosamente practican UGT, CCOO, a patronal e o Goberno.

De igual xeito se comproba que non teremos futuro digno se continúan en vigor, se non son derrogadas xa as reformas laborais e sociais e revertidas as privatizacións de servizos públicos, especialmente na sanidade e no coidado de maiores. Seguiranse acumulando os estragos entre a clase traballadora galega polo avance da precariedade, da pobreza laboral, das discriminacións de xénero e do desmantelamento dos sistemas públicos de protección social.

O dano no emprego e na caída dos salarios é total por varias vías (tamén foi enganosa e inaplicábel a prohibición de despedimentos porque xa non había a quen despedir): o fomento dos ERTE -fórmula perversa e, en moitos casos, fraudulenta-, os despedimentos de centos de miles de temporais e mesmo indefinidos sen ter recoñecidas compensacións nin axudas, a imposición indiscriminada de teletraballo sen dereitos ou a imposición de reducións do 100% do salario para poder atender aos coidados da poboación vulnerábel, etc. A esta realidade engádese a demora no cobro e a incerteza do que se vai cobrar, sen resolverse a día de hoxe, e sen habilitar mecanismos extraordinarios.

Conquistando unha Galiza soberana e con futuro

Galiza é unha nación e, hoxe máis que nunca, é necesario deixar atrás o centralismo e as políticas neoliberais, avanzando no noso dereito a decidir, para sermos quen de levar adiante todas as políticas públicas que son necesarias, asegurando un financiamento público, vía impositiva ás grandes fortunas e ás grandes empresas, promovendo a intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas (banca, eléctricas, etc.).

A prioridade debe ser concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais, na saúde da poboación e non no interese do capital e, así, facer posíbel que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Volver