A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que fai parte a CIG, anunciou esta mañá a convocatoria de concentracións diante de todos os hospitais públicos de Galiza para o vindeiro xoves 4 de xuño, co obxectivo de denunciar o incremento das listas de agarda e reclamar medidas urxentes para reforzar o sistema sanitario público galego. Nas localidades onde existan dificultades para desprazarse aos centros hospitalarios tamén se promoverán mobilizacións diante dos centros de saúde.
Manuel Martín, voceiro da plataforma, advertiu de que as listas de agarda constitúen “un dos principais problemas que ten actualmente o sistema sanitario galego” e cuestionou as mensaxes lanzadas pola Xunta sobre a súa evolución. Segundo explicou, os datos actuais amosan unha situación peor que a existente antes da pandemia.
Neste sentido, asegurou que as listas de agarda cirúrxicas rexistran un incremento próximo ao 30% respecto de 2019. “Non só aumentou o número de persoas que agardan por unha intervención, senón tamén os tempos de espera para consultas especializadas e probas diagnósticas, que medraron arredor dun 27%”, sinalou.
Martín afirmou que estes datos “desmenten o relato da Consellaría de Sanidade” sobre a recuperación do sistema sanitario tras a pandemia. “A realidade é que a situación non só non mellorou, senón que empeorou de maneira substancial”, subliñou.
Diferenzas entre áreas sanitarias
O voceiro de SOS Sanidade Pública alertou tamén das importantes diferenzas existentes entre áreas sanitarias. Así, destacou os casos das áreas de Santiago-Barbanza e da Coruña, onde os tempos de agarda son moi superiores aos rexistrados antes da pandemia. Tamén chamou a atención sobre a situación de Vigo, que “a pesar de contar cun importante complexo sanitario, presenta algunhas das listas de espera máis elevadas de Galiza”.
Outro dos aspectos denunciados por Martín foi a existencia de doentes que non aparecen reflectidos nas estatísticas oficiais. Segundo os estudos realizados pola plataforma, arredor dun 30% das persoas que están agardando atención sanitaria permanecen ocultas nos rexistros. “Estamos a falar das listas de espera non estruturais e tamén dos chamados buzóns, persoas que saben que precisan unha intervención ou unha proba diagnóstica pero que son enviadas para a casa sen unha data nin unha previsión de atención”, explicou. Ao seu xuízo, esta situación provoca que “milleiros de pacientes non figuren nas estatísticas oficiais, ofrecendo unha imaxe distorsionada da realidade”.
A plataforma advertiu ademais do impacto que está a ter a folga convocada polos sindicatos médicos corporativos. Nese sentido, Manuel Martín recoñeceu que o dereito á folga é un dereito fundamental, pero considerou que a convocatoria indefinida e intermitente está a agravar notablemente a situación asistencial.
Segundo indicou, desde decembro quedaron suspendidas ou aprazadas preto de 250.000 consultas. Só na última xornada de folga suspendéronse 725 intervencións cirúrxicas, 20.000 consultas hospitalarias e 5.000 consultas de atención primaria.
“A situación é especialmente grave porque, en moitos casos, é a propia Administración a que decide suspender actividade asistencial antes de coñecer o seguimento real da folga, multiplicando o impacto sobre os pacientes”, denunciou.
Falta de coordinación e carencias estruturais
O voceiro de SOPS Sanidade Pública situou entre as causas do problema a falta de coordinación entre os distintos niveis asistenciais. Neste sentido, asegurou que as áreas sanitarias “funcionan máis como unha estrutura administrativa de reparto da poboación que como un verdadeiro instrumento de planificación e coordinación dos recursos”.
Por iso, reclamou unha mellor integración entre hospitais, atención primaria, recursos sociosanitarios e servizos destinados ás persoas maiores. “Cada doente debería recibir o tratamento adecuado, polo profesional adecuado e no recurso máis axeitado, e iso non está a acontecer”, afirmou.
Xunto a isto, defendeu a creación dunha rede suficiente de camas de media e longa estancia para persoas con enfermidades crónicas, así como o desenvolvemento dunha verdadeira rede sociosanitaria. Segundo explicou, moitos pacientes permanecen ocupando camas hospitalarias de agudos cando poderían recibir atención noutros dispositivos máis adecuados. “Se fósemos capaces de liberar esa presión sobre os hospitais, reduciríanse de maneira moi importante as listas de espera”, sostivo.
Relación entre listas de agarda e absentismo
Preguntado sobre o debate arredor do absentismo laboral, Manuel Martín asegurou que existe unha relación directa entre as demoras asistenciais e a duración das baixas médicas. “Se unha persoa está enferma e non consegue acceder ás consultas, probas ou tratamentos que precisa, a súa recuperación retrásase inevitablemente. Moitas persoas poderían resolver o seu problema de saúde moito antes se recibisen a atención necesaria en tempo e forma”, afirmou.
Ao mesmo tempo, criticou o discurso que responsabiliza ás persoas traballadoras do incremento das baixas laborais. “Non podemos aceptar que se culpabilice ás persoas enfermas. O problema non está nas traballadoras e traballadores, senón nun sistema sanitario incapaz de ofrecer respostas áxiles ás necesidades da poboación”, indicou.
Pola súa banda, representantes sindicais presentes na comparecencia denunciaron que a Xunta está a “criminalizar” tanto ás persoas traballadoras como ao persoal sanitario, ao presentar as baixas médicas como un problema de comportamento individual e non como unha consecuencia das deficiencias estruturais do sistema.
Manuel Martín fixo un chamamento á cidadanía a participar nas mobilizacións do vindeiro 4 de xuño e advertiu de que SOS Sanidade Pública continuará promovendo protestas mentres non se adopten medidas eficaces para reducir as listas de espera e fortalecer o sistema sanitario público. “Non podemos afacernos a unha sanidade cada vez peor, nin aceptar a súa privatización progresiva. A defensa da sanidade pública require mobilización social e non imos renunciar a ela”, concluíu.