SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións en todas as áreas sanitarias de Galiza o 21 de abril

Denuncia que Feixó "aproveita a covid para cambiar o modelo de sanidade pública”
Nacional - 09 Abr 2021

A plataforma SOS Sanidade Pública anunciou está mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de mobilizacións en todas as áreas sanitarias de Galiza para o vindeiro día 21 de abril. Reclama que se garanta a asistencia presencial nos centros de saúde; un plan para afrontar as listas de agarda acumuladas; información transparente e acceso universal ás vacinas COVID e o incremento do persoal sanitario e non sanitario, garantindo a súa estabilidade e rematando coa precariedade. Xunto a isto rexeita a reforma da Lei Galega de Saúde que introduciu recortes nas liberdades cívicas.

MOBILIZACIÓNS PREVISTAS

  • Lugo, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia
  • Barbanza, Praza do Concello
  • Cee,  Praza do 8 de Marzo
  • Baixo Miño, Praza de Avelino Conde
  • Mariña 21 de abril.20 horas  Praza do Concello. Burela
  • Plataforma do Val Miñor (Nigrán, Baiona, Gondomar) Concentración na Alameda da Ramallosa de Nigrán o día 21 de Abril as 20 horas
  • Vigo diante das escaleiras do MARCO, na rúa Príncipe
  • Bueu na Praza do Concello
  • Cangas diante do Concello
  • Compostela na Praza do Obradoiro.
  • Pontevedra praza da Peregrina
  • Ferrol  Terra Praza de España
  • Compostela na Praza do Obradoiro
  • Poio diante do Concello
  • A Coruña no Obelisco
  • Ourense na entrada principal do CHOU (Edificio novo)

Así o manifestou o seu portavoz, Manuel Martín, quen compareceu acompañado pola secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín; a deputada do BNG, Iria Carreira; o portavoz da plataforma en Compostela, Xosé María Dios, e a responsable de Políticas Sociais de CCOO, Maica Bouza.

Atención presencial

Aínda que a consulta telefónica se vén facendo desde hai anos para cuestións puntuais, Martín explicou que é necesario garantir a asistencia presencial da poboación na Atención Primaria. Unha volta á normalidade que, en todo caso, para María Xosé Abuín, non implica regresar á situación anterior á COVID. “Non podemos volver ás axendas interminables, ás aglomeracións nos centros de saúde ou ás citas cada 3 minutos”, dixo e aclarou que, para iso, “é necesario contar con profesionais abondo para atender as demandas da poboación”.

O portavoz da plataforma advertiu ademais dos perigos de xeneralizar a atención telefónica, máis en Galiza, onde hai unha poboación moi avellentada que pode ter máis dificultades para utilizar o teléfono ou as novas tecnoloxías. “Pode supoñer un incremento das desigualdades”, afirmou. E non só iso, “mudar o modelo de atención cercana por este vai beneficiar á privada”, advertiu, porque “se no centro de saúde non a atenden, a xente vai ir á privada”.

Fondos europeos

Xunto a isto demandou que os fondos europeos procedentes da UE e do Estado español para afrontar a situación sanitaria teñan carácter finalista “para garantir unha sanidade pública digna, para fomentar a investigación e para reforzar a atención primaria”.

Unha cuestión na que afondou Abuín, quen indicou que eses fondos están indo a innovación e non investigación. Entendendo innovación como a adquisición de aparellos e medios tecnolóxicos dirixidos a reforzar o novo modelo de atención sanitaria que pretende Feixó para unha sanidade pública que “cada día ten unha avaliación de resultados peor” e na que “as tecnoloxías poden ser complementarias, pero non suplir a atención presencial”, concluíu.

Listas de agarda

A plataforma demanda un Plan para afrontar as listas de agarda acumuladas neste período por mor da paralización de consultas, probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas. Unha paralización que podía estar xustificada ao inicio da pandemia mais que agora entenden que non pode continuar así.

Por iso Martín demandou que remate esta estratexia e considerou que as listas de agarda deben ser alarmantes cando a administración non as publicou no último ano, como si fixeron outras administracións.

Vacina COVID

Respecto das vacinas, SOS Sanidade Pública reclama transparencia e acceso universal. Ademais, tal e como apuntou Martín, a plataforma denuncia a manobra de marketing de citar a miles de persoas nun único centro para vacinarse facendo grandes colas, o que considerou que “atenta contra a súa dignidade” e que mesmo provocou incidentes como en Compostela, onde tivo que actuar a policía.

“Non hai dereito”, afirmou, “porque temos un modelo de atención de proximidade, temos centros de saúde e persoal para poñer as vacinas e, se non chega, haberá que contratar máis”, pero “é inaceptable que a xente teña que agardar facendo colas na rúa”, tanto para acceder aos centros de vacinación como aos centros de saúde, dixo.

Rematar coa precariedade na sanidade pública

Manuel Martín considerou ademais “inconcibible” que o SERGAS teña o seu persoal en condicións precarias e nunha situación de permanente inestabilidade. Por iso augurou máis mobilizacións cando se rebaixe a presión da pandemia, como as que diversos colectivos protagonizaron nos últimos anos, porque “a poboación está moi enfadada e o persoal sanitario frustrado”.

Sobre esta cuestión incidiu tamén Xosé María Dios, quen exixiu que “deixen de dar esmolas para cervexas e paradores e logo non concedan nin os 3 días de libre disposición aos que ten dereito o persoal” para descansar.

Dios cuestionou ademais a propaganda do goberno da Xunta que vén repetindo que este ano se incrementou o orzamento destinado á sanidade nun 12%, cando “aínda segue estando un 3% por debaixo do de 2009”.

Reforma da Lei Galega de Saúde

SOS Sanidade Pública rexeita a reforma que se vén de aprobar na Lei Galega de Saúde, como dixo Martín, “aproveitando a situación de alarma e a preocupación social xerada”. Unha lei que introduce medidas represivas que “recortan dereitos civís” e que interpretan como outra manobra de marketing máis, cando “xa hai recursos abondo para abordar medidas de excepción” sen necesidade de recorrer a isto, concluíu Martín.

A listaxe de mobilizacións irase completando a medida que nos acheguemos á data da convocatoria pero, polo momento, xa están confirmadas en Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Val Miñor, A Mariña ou O Morrazo.