A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo fixo hoxe un chamamento a participar na manifestación convocada este mércores 4 de novembro dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas baixo o lema ‘Reconstruír a área sanitaria’ ante o incremento das listas de agarda, a falta de profesionais, os peches de camas hospitalarias, o deterioro da Atención Primaria e o aumento constante das derivacións e concertos coa sanidade privada.
Dende o colectivo lembran que os últimos informes do Consello de Contas de Galiza e a documentación elaborada pola propia Plataforma SOS confirman que estes problemas non son feitos illados nin conxunturais, senón o resultado de decisións políticas mantidas ao longo dos anos. Con esta mobilización pretenden seguir esixindo que se dea marcha atrás nun proceso que ten colocado a sanidade pública galega, e de xeito especial a da área viguesa, nun dos momentos máis críticos das últimas décadas.
Fronte a isto, demandan da Xunta e do Sergas unha serie de cuestións como o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro, o que pasaría por reverter a concesión para que sexa 100% público e recuperar o proxecto e o plan funcional inicial. Tamén reclaman a ampliación de camas e servizos, coa construción do edificio anexo previsto para acadar as 1.265 camas, restituíndo as unidades de Coidados Mínimos, Docencia e Investigación, e Rehabilitación. Do mesmo xeito, esixen poñer a pleno rendemento as camas do Meixoeiro (422) e do Nicolás Peña (117).
A sanidade pública galega atravesa un dos momentos máis críticos das últimas décadas
Para recuperar a Atención Primaria: Aumentar o investimento, reducir a temporalidade por debaixo do 8% e dotar de persoal e estruturas dignas aos centros de saúde e os PAC. E construír Centros de Alta Resolución (CAR) en Vigo e no Morrazo, e mellorar as infraestruturas sanitarias nesta última comarca.
Na área de Vigo, a propoñen a creación dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos que permita ter unha asistencia sanitaria de calidade con recursos públicos. Así como rematar cos cupos de Atención Primaria con axendas de traballo imposíbeis de más de 40-50 pacientes por profesional e día, con milleiros de cidadáns sen médico/a asignado/a durante meses e incluso anos.