• Nova

A CIG chama a mobilizarse en defensa da atención primaria este xoves día 12 en Vigo

SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación dende o PAC da rúa Pizarro ás 20:00 horas
Vigo - 06 Mai 2022

A Plataforma SOS Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo acordou convocar unha manifestación en defensa da atención primaria o vindeiro xoves 12 de maio ante a “profunda crise estrutural” que atravesa este servizo. A CIG, que fai parte da Plataforma, chama a participar nunha marcha sairá dende o PAC da rúa Pizarro ás 20:00 horas baixo o lema 'Salvemos a atención primaria. Recuperemos a sanidade pública'.

Dende a Plataforma explican que antes da covid-19 a atención primaria e hospitalaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con demoras e masificación da asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos Gobernos do PP. Polo que aseguran que non van deixar que a pandemia lle sirva de “escudo” á Xunta para “resgardarse” e non facerlle fronte aos problemas estruturais que padece a sanidade pública de Galiza dende hai moito tempo: precariedade laboral e falta de investimentos. 

Inciden en que é vital contar cunha atención primaria digna, con profesionais suficientes para atender, con tempo, aos pacientes

Lembran que a crise sanitaria provocada polo novo coronavirus supuxo a paralización da actividade asistencial tanto da atención primaria como da hospitalaria por medo a que colapsara o hospital Álvaro Cunqueiro, “o que determinou non só postergar a actividade asistencial preferente e crónica, senón tamén a actividade cirúrxica non urxente, co incremento das demoras, tanto en consultas como en probas complementarias, así como as listas de espera cirúrxicas”.

Neste senso, estiman que no conxunto do país paralizáronse unhas 3000 intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas. Ao mesmo tempo, a Administración limitou o acceso aos centros de saúde, substituíndo a consulta presencial pola telefónica e reduciu o aforo das salas de espera, obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros para recibir atención. “Estas actividades hai que recuperalas o antes posíbel para evitar o deterioro do sistema e empeorar os datos de saúde da poboación”.

Durante eses meses, as persoas traballadoras da sanidade publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía pola labor desenvolvida “en durísimas condicións”. Este recoñecemento “abría a esperanza” de que tras o estado da alarma sanitaria, o Sergas impulsase medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, “tal como manifestan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais”.

Inciden en que é vital contar cunha atención primaria digna, con profesionais suficientes para atender, con tempo, a pacientes e usuarias. “A nosa atención primaria continúa marxinada a pesar das continuas esixencias dos traballadores/as dos centros de saúde, co apoio da cidadanía, de máis persoal de todas as categorías, de maior investimento, do final das trabas de acceso ás probas diagnósticas ou da mellora da accesibilidade ás especialidades hospitalarias”.

Ao mesmo tempo, denuncian que os centros de saúde seguen sometidos a unha dirección centrada no hospital, “que só foi modificada de xeito nominal”, e que non permite que a atención primaria poida xestionar o seu orzamento e os seus recursos humanos. “Mentres tanto as consultas seguen masificadas, superando con moito o límite dos 30 pacientes ao día, e os PAC seguen recibindo unha presión asistencial tamén insoportábel, e nestas condicións non teremos nin profesionais da medicina de familia nin da pediatría que queiran traballar na nosa área”.

Rematar coas listas de espera insoportábeis

Outra das demandas pasa por unha atención hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen listas de espera “insoportábeis”. Mais os recortes de recursos introducidos pola Xunta no Álvaro Cunqueiro e a renovación do concerto co hospital Povisa fan que a área de Vigo teña a maior lista de espera cirúrxica de toda Galiza (12% superior), “aínda ocultando as persoas que están pendentes de cita ou as que están nunha lista que chaman non estrutural”.

As limitacións producidas polos axustes de persoal fan que os ratio (número de paciente por profesional) do persoal sanitario e non sanitario sexan insuficientes para unha atención de calidade, situación que o propio persoal suple coa súa entrega e profesionalidade. “Esta falta de recursos explica as dificultades que padecemos periodicamente nas urxencias hospitalarias ou que persistan os problemas de acceso dos pacientes derivados de atención primaria á atención hospitalaria”. 

Insisten tamén en que é preciso unha "contratación digna" que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade

Por iso reclaman unha “contratación digna” que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade. Xa que, xunto a todo isto, o deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade pública, con contratacións precarias e abusivas, fai aínda máis difícil ofrecer unha atención sanitaria de calidade e condena á emigración as e os profesionais que queren acadar empregos dignos.

Finalmente, rexeitan o incremento da privatización e da inequidade. Fan fincapé en que o deterioro da atención primaria provocado pola precarización e a falta de profesionais ten como consecuencia o incremento das barreiras de acceso e favorece a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, o que consecuencia provoca un aumento da inequidade. “Hai que salvar a atención primaria e recuperar a sanidade pública o antes posíbel para evitar un maior deterioro do sistema e empeorar os datos de saúde da poboación”.

Principais reivindicacións da mobilización

-Instar a Consellaría de Sanidade a implantar de forma inmediata dunha atención primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo aos e os pacientes.

-Instar a Consellería de Sanidade a implantar de inmediato unha atención hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportábeis listas de espera.

-Instar á Consellería de Sanidade a adopción das medidas estruturais precisas para ter unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade.

-Instar a Consellería de Sanidade a contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, aplicando un Plan de Mellora da Atención Primaria que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.

-Instar a Consellería de Sanidade a desenvolver os instrumentos de participación cidadá na sanidade, tan necesarios, para que a cidadanía exprese as súas necesidades e poder actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.