SOS Sanidade Pública e #Right2Cure demandan acceso universal ás vacinas fronte á covid-19

Chaman a unirse á iniciativa cidadá europea #RIGHT2CURE

Internacional -

Right2Cure e SOS Sanidade Pública demandaron esta mañá, en rolda de prensa, que se garanta o acceso universal á vacina da covid-19, que se liberen as patentes, información transparente, control sobre o destino e a contía dos fondos públicos, entre outras. Xunto a isto advertiron de que “as grandes compañías farmacéuticas non deberían de lucrarse con esta pandemia, a expensas da saúde das persoas”. Chamaron a unirse á iniciativa europea #Right2Cure en https://noprofitonpandemic.eu/es/

Unha ameaza colectiva require unha resposta colectiva. Fronte a unha pandemia como a que estamos a sufrir, non podemos consentir que a cidadanía, ou parte dela, quede desprotexida por causa de intereses financieiros. Todo o mundo ten dereito a unha cura, aos tratamentos e ás vacinas, diante da COVID-19. E a expansión do virus non poderá deterse ata que todo o mundo acade a inmunidade.

Profesionais da investigación veñen desenvolvendo en todo o mundo, frecuentemente con importante financiación pública, vacinas e tratamentos eficaces contra o virus. E a Presidenta da Comisión Europea, Úrsula Vonder Layen, prometeu facer das vacinas un ben público universal. pero ata o momento non promoveu ningunha lexislación que o faga cumprir, senón todo o contrario. A Unión Europea necesita antepoñer a saúde pública aos beneficios privados.

Co obxectivo de inmunizar canto antes a toda a poboación, evitando a aparición de variantes máis agresivas e letais, é necesario que a UE non limite a administración de ningunha das vacinas que superasen os preceptivos controis da Axencia Europea do Medicamento e a OMS.

Consideramos necesario asegurar que o acceso aos diagnósticos, tratamentos e vacinas fronte á COVID-19 non se vexan obstaculizados por monopolios que limiten a capacidade de produción mundial e suban os prezos de xeito abusivo, como está a suceder agora. Durante a pandemia deberíase suprimir a aplicación das patentes, remunerando os gastos de investigación acreditados, e evitando beneficios abusivos. Deste xeito, poderíanse comercializar os produtos a prezo de custo de fabricación. O interese xeral e a saúde pública deben estar por riba do lucro duns poucos.

É por iso que aquí, en Galiza, as organizacións promotoras desta iniciativa europea #Right2cure, e a Plataforma SOS Sanidade Pública, queremos activar entre a nosa xente o apoio á mesma, e poremos en marcha un Comité Galego da Plataforma #Right2Cure, que desenvolva unha campaña informativa e de recollida de sinaturas, que contribúan a acadar o obxectivo de reunir nos 27 estados membros da Unión Europea, cando menos, un millón de sinaturas, necesarias para promover un troco na súa lexislación.

AS NOSAS DEMANDAS:

  • SAÚDE PARA TODOS E TODAS

A saúde é un dereito. Durante unha pandemia, a investigación e as tecnoloxías deberían compartirse de xeito amplo, rápido, por todo o mundo. Unha compañía privada non debería ter o poder de decidir quen ten acceso a tratamentos nin vacinas, nin a que prezo. As patentes outorgan a unha soa compañía o poder e monopolio sobre produtos farmacéuticos esenciais. Isto limita a súa dispoñibilidade e incrementa o seu custo para as persoas que os precisan.

  • TRANSPARENCIA XA!

A información sobre os custos de produción, as contribucións públicas e a efectividade e seguridade das vacinas e medicamentos debería ser pública. Os contratos entre autoridades públicas e compañías farmacéuticas tamén se deben publicar.

  • FONDOS PÚBLICOS, CONTROL PÚBLICO

A cidadanía aporta a través dos seus impostos enormes cantidades para a investigación e o desenvolvemento de vacinas e tratamentos. Non podemos permitir que as compañías farmacéuticas privaticen tecnoloxías médicas esenciais que foron desenvolvidas con recursos públicos.

  • QUE NINGUÉN SE LUCRE COA PANDEMIA

As grandes compañías farmacéuticas non deberían de lucrarse con esta pandemia, a expensas da saúde das persoas. Unha ameaza colectiva require solidariedade, non lucro privado. O financiamento público debería aprobarse só baixo a garantía de que o produto final terá dispoñibilidade e un prezo accesible. Non se debería permitir que o BigPharma saquee os nosos sistemas de seguridade social.

Que é unha Iniciativa Cidadá Europea?

A Iniciativa Cidadá  Europea é unha fórmula directa de propor un troco lexislativo concreto á Comisión Europea. Unha vez que a iniciativa acade o millón de sinaturas, a Comisión decidirá que accións tomar sobre a mesma. Temos ata o 1º de maio do vindeiro ano para recoller esa cifra. Na páxina webhttps://eci.ec.europa.eu/015/public/#/screen/home , ademais de asinar a iniciativa, pódese consultar a evolución da recollida de sinaturas por estados, coa porcentaxe mínima marcada para cada un deles.

En definitiva, solicitamos:

Que, visto o Tratado de funcionamento da Unión Europea e, en particular, os seus artigos 114, 118 e 168, a Comisión Europea elabore a lexislación necesaria para:

  • Velar porque os dereitos da propiedade intelectual, incluídas as patentes, non dificulten a accesibilidade ou dispoñibilidade de calquera presente ou futura vacina ou tratamento para a COVID-19.
  • Velar porque a lexislación da U.E. sobre os dados da exclusividade comercial non limite a eficacia inmediata das licenzas obrigatorias expedidas polos Estados Membros.
  • Introducir a obriga xurídica dos beneficiarios de fondos da U.E. de compartir coñecementos en materia de tecnoloxía sanitaria, a propiedade intelectual ou os dados dun consorcio de tecnoloxía ou patentes en relación coa COVID-19.
  • Introducir obrigas xurídicas para os beneficiarios dos fondos da U.E. en materia de transparencia das contribucións públicas e os custes de produción, así como cláusulas de accesibilidade e asequibilidade misturadas con licenzas non exclusivas.

ACTIVIDADES:

Para levar a cabo esta campaña, promoveremos distintas actividades: pronunciamentos de personalidades públicas, coa súa sinatura ou con vídeos de apoio, mocións en diferentes institucións, difusión nas redes sociais, etc.

Volver