SOS Sanidade Pública mobilízase en toda Galiza contra o aumento das listas de agarda e o deterioro da sanidade pública

A plataforma denuncia que as listas de espera son hoxe peores que antes da pandemia e acusa o Sergas de ocultar milleiros de pacientes das estatísticas oficiais
Nacional - 04 Xun 2026

A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que fai parte a CIG, desenvolveu este xoves concentracións diante de hospitais e centros de saúde de toda Galiza para denunciar o incremento das listas de agarda e reclamar medidas urxentes que permitan reverter o deterioro da sanidade pública galega.

Con estas mobilizacións SOS Sanidade Pública alerta dunha situación “insostíbel” que atribúe á falta de recursos, ás barreiras de acceso ao sistema sanitario, á mala xestión, á insuficiencia de persoal, á saturación da Atención Primaria e ao insuficiente aproveitamento dos recursos públicos.

Advirte, ademais, de que as listas de agarda deterioran a saúde da poboación, provocan dor, temor, incerteza, complicacións e mesmo mortes evitábeis, ao tempo que favorecen as derivacións á sanidade privada e a contratación de seguros privados.

A plataforma sostén que, malia as afirmacións da Consellaría de Sanidade, a realidade evidencia que a situación empeorou de maneira moi importante desde a pandemia. Neste sentido, lembra que as persoas en lista de agarda cirúrxica pasaron de 32.874 en 2019 a 46.775 en decembro de 2025, o que supón un incremento próximo ao 30%. Ademais, o tempo medio de espera para unha intervención medrou un 27%, pasando de 53,9 a 73,9 días.

Datos que, segundo SOS Sanidade Pública, demostran que o sistema sanitario non recuperou os niveis asistenciais previos á pandemia e que as demoras seguen aumentando.

Listas manipuladas

Durante as concentracións denunciouse tamén que os datos oficiais non reflicten a dimensión real do problema, porque “a consellaría manipula as listas” agochando milleiros de pacientes nas chamadas listas non estruturais e nos coñecidos como “buzóns”, nos que permanecen persoas que precisan unha consulta, unha proba diagnóstica ou unha intervención pero que son enviadas para a casa sen unha data nin unha previsión de atención.

Segundo os cálculos de SOS Sanidade Pública, estas persoas poden representar máis dunha terceira parte das que realmente están agardando asistencia sanitaria. Por iso, a plataforma acusa a Administración sanitaria de manipular as estatísticas e reclama a publicación de todos os datos sen maquillaxes nin ocultacións para coñecer a verdadeira dimensión das listas de espera.

Falta de recursos e promoción da privada

A plataforma vincula directamente o incremento das listas de agarda co deterioro progresivo da sanidade pública galega e denuncia anos de insuficiencia orzamentaria, a falta de profesionais, o abandono da Atención Primaria e a escasa utilización dos recursos hospitalarios públicos, que considera infrautilizados ao funcionar basicamente en horario de mañá.

Ao mesmo tempo, alerta das presións exercidas polos grandes grupos privados para captar pacientes procedentes das listas de espera e critica as políticas que favorecen a transferencia de recursos cara ao sector privado. Neste contexto, tamén responsabiliza da situación á eliminación da dedicación exclusiva do persoal facultativo acordada en 2024, unha medida que, ao seu xuízo, contribuíu a incrementar as listas de agarda ao favorecer a dobre dedicación á sanidade pública e privada.

A plataforma considera que esta situación acaba beneficiando aos intereses empresariais da sanidade privada mentres se debilita a capacidade de resposta do sistema público.

Dez medidas para reducir as listas de agarda

Fronte a esta realidade, SOS Sanidade Pública reclama un plan urxente para reforzar o sistema sanitario público. Entre as medidas propostas figuran o incremento do orzamento sanitario, a contratación de máis persoal en todas as categorías profesionais, a publicación íntegra das listas de espera reais, a prioridade absoluta para os procesos con risco de morte ou incapacidade e a utilización intensiva dos recursos públicos para que consultas, quirófanos e servizos diagnósticos funcionen tanto en quenda de mañá como de tarde.

A plataforma demanda tamén reforzar a Atención Primaria mediante un novo modelo multidisciplinar e comunitario, mellorar a coordinación entre os distintos niveis asistenciais, potenciar a dedicación exclusiva do persoal sanitario, desenvolver unha rede suficiente de camas de media e longa estancia e impulsar unha auténtica rede sociosanitaria que permita liberar recursos hospitalarios e mellorar a atención ás persoas con enfermidades crónicas e necesidades de coidados prolongados.