SOS Sanidade Pública promove unha ILP con medidas urxentes para "salvar" a atención primaria

Chaman a “queimar” nas fogueiras de San Xoán os recortes da Xunta na sanidade pública galega
Nacional - 23 Xun 2022

A plataforma SOS Sanidade Pública, da que fai parte a CIG, rexistrou onte no Parlamento Galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) con medidas urxentes para "salvar" a atención primaria do seu "desmantelamento". Dende a plataforma de Seixo (Marín), cuxa portavoz é unhas das promotoras da ILP, chaman a “queimar” nas fogueiras de San Xoán os recortes que a Xunta está a aplicar na sanidade pública.

Na ILP denúncianse os principais problemas que padece este servizo, en especial “a substitución da consulta presencial pola telefónica; as dificultades para solicitar citas telemáticas para determinados colectivos sociais, especialmente a xente maior; as enormes listas de espera; o desmantelamento e peche de centros de saúde rurais; e os recortes de persoal.” A iniciativa está promovida polas distintas plataformas territoriais e polos colectivos integrantes de SOS Sanidade Pública.

A partir de agora a ILP deberá superar o trámite de aceptación para que chegue ao Parlamento, tras o que se iniciará a recollida de sinaturas co obxectivo de lograr que se debata na cámara galega despois do verán. A plataforma agarda superar amplamente os 10.000 apoios cidadáns que como mínimo esixe a normativa.

Fogueiras contra os recortes

Por outra banda, dende a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, en Marín, fan un chamamento a queimar nas fogueiras de San Xoán “os males da sanidade pública, dende os recortes de médicos/as e pediatras e as listas de espera e a demora de diagnósticos até o peche de camas no verán ou a situación das urxencias dos PAC”.

Polo que animan a “queimar os recortes” e a enviar fotos ou vídeos á súas redes sociais para “facer visíbel que queremos escorrentar os recortes da Xunta”. Con esta acción queren lembrar que continuarán coas protestas “porque estamos fartos/as de que se xogue co noso dereito á saúde.”