A plataforma SOS Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo reclámalle á Consellaría de Sanidade a creación dunha Unidade de Grandes Queimados no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), integrada na rede pública e que actúe como centro de referencia para toda a poboación do sur de Galiza.
A reivindicación chega despois de que, tras a negociación do novo concerto co hospital privado Ribera Povisa, a Consellaría decidise trasladar ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) a referencia para a atención dos grandes queimados da área sur do país, que anteriormente estaba situada no centro vigués. Segundo denuncia a plataforma, esta decisión supón unha nova perda de servizos sanitarios de alta especialización para Vigo e para os máis de 1,2 millóns de habitantes das provincias de Pontevedra e Ourense.
Tras a negociación do novo concerto co hospital privado Ribera Povisa, a Consellaría decidiu trasladar ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) a referencia para a atención dos grandes queimados da área sur do país
SOS Sanidade Pública advirte de que esta modificación obrigará os pacientes con queimaduras de maior gravidade a percorrer centos de quilómetros para recibir atención especializada, nun momento no que a rapidez asistencial pode resultar determinante para a súa supervivencia e recuperación.
Servizo esencial para unha área industrial
As Unidades de Grandes Queimados son dispositivos sanitarios de máxima complexidade, dotados de persoal especializado, tecnoloxía avanzada e infraestruturas específicas para tratar pacientes con queimaduras graves de orixe térmica, química ou eléctrica, así como con outras lesións asociadas que poden poñer en risco a súa vida.
A súa posta en marcha require importantes recursos hospitalarios, incluíndo áreas de hospitalización con camas específicas, espazos para coidados críticos con illamento, salas de curas, equipamento cirúrxico especializado e profesionais altamente cualificados. Ademais da atención asistencial, estas unidades desempeñan un papel relevante na formación sanitaria, na investigación biomédica e na incorporación de novas tecnoloxías.
A plataforma considera especialmente preocupante a perda desta referencia na área viguesa, pola súa importancia demográfica e polo seu peso económico e industrial. Vigo e a súa contorna concentran unha importante actividade empresarial e industrial, na que os accidentes laborais con queimaduras representan un risco que, segundo SOS Sanidade Pública, xustifica a necesidade de contar con recursos especializados próximos.
Unidade limitada para Vigo
O colectivo lembra que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo se comprometera hai dous anos a construír no complexo hospitalario vigués unha unidade de queimados destinada a atender os casos menos graves, mentres que os pacientes con lesións de maior gravidade serían trasladados á Coruña.
Para SOS Sanidade Pública, esta solución resulta insuficiente, xa que non garante que a área de Vigo dispoña dunha Unidade de Grandes Queimados capaz de atender os casos máis complexos. A plataforma considera que esta limitación reduce a capacidade de desenvolvemento futuro do sistema sanitario vigués e incrementa as desigualdades territoriais no acceso á atención especializada.
Como exemplo das consecuencias desta situación, a organización lembra un accidente laboral rexistrado recentemente nunha canteira do Porriño, no que resultaron feridas catro persoas. Unha delas, con queimaduras de especial gravidade, tivo que ser trasladada en helicóptero á Unidade de Queimados da Coruña.
Reclaman revisar a decisión
Desde o ano 2006, o Ministerio de Sanidade promove os Centros, Servizos e Unidades de Referencia (CSUR) co obxectivo de garantir a equidade no acceso á asistencia sanitaria, mellorar a calidade dos tratamentos e concentrar a experiencia clínica nos procedementos de maior complexidade. Neste marco creouse a unidade de grandes queimados de referencia para Galicia no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
SOS Sanidade Pública considera que a área sanitaria de Vigo debe contar cun recurso destas características, acorde coa súa poboación e coa súa realidade económica e industrial. Por iso, demándalle á Consellaría que revise a decisión adoptada e impulse as actuacións necesarias para dotar o CHUVI dunha Unidade de Grandes Queimados integrada na rede pública.
A plataforma defende que a proximidade dos servizos de alta especialización é fundamental para garantir unha atención sanitaria equitativa e evitar que os pacientes máis graves teñan que afrontar desprazamentos prolongados para recibir tratamento.
“Unha sanidade pública forte necesita servizos de alta especialización próximos á cidadanía e non máis recortes nin centralizacións que afastan a atención das persoas que máis a necesitan”, conclúe o colectivo.