Stellantis discrimina o persoal de Vigo negándolle a paga de rendemento que si vai abonar na fábrica marroquí de Kenitra
A CIG-Stellantis denuncia que a dirección do grupo de automoción discrimina o cadro de persoal de Vigo ao negarlle a paga CLPI (incentivo de rendemento local colectivo, polas súas siglas en inglés) que se vai abonar na fábrica marroquí de Kenitra. En consecuencia, a sección sindical demanda unha xuntanza urxente do comité de empresa na que acordar unha fronte común para reclamarlle a Stellantis que recompense as persoas traballadoras da planta viguesa “polo récord de produción grazas ao seu esforzo e sufrimento diario”.
Dende a CIG amosan a súa satisfacción porque os compañeiros e compañeiras de Kenitra vaian recibir a bonificación, pero consideran discriminatorio que no caso de Vigo “se nos dixese que esa paga non se nos podía dar”. Unha práctica discriminatoria que, por outra parte, a representación da central sindical en Stellantis asegura coñecer ben, “xa que a padecemos dende sempre en cuestións como categorías, contratacións ou novacións unicamente por pertencer á CIG”.
En consecuencia, dende a central sindical demandan unha xuntanza urxente do comité de empresa –“organismo que debera actuar na defensa dos intereses das persoas traballadoras e non da dirección- co obxectivo de constituír unha fronte común para reclamarlle ao grupo Stellantis que recompense o persoal da planta de Vigo “polo récord de produción grazas ao esforzo e sufrimento diario das persoas traballadoras”.