“Subornan os encargados do AVE con agasallos e cocaína para poder traballar”

A CIG segue a recoller testemuños entre o persoal escravizado e explotado nesta obra pública
Ourense - 19 Mai 2020

Animados polas publicacións anteriores e fartos da situación que tiveron que soportar meses e incluso anos, a CIG está a recibir todos os días novas denuncias de operarios maltratados polas distintas empresas que traballan nas obras do AVE en Ourense.

Segundo sinalan dende a Federación de Construción e Madeira (FCM), as críticas ao papel dos encargados son unha constante. Os enfrontamentos, os problemas para rexistrar (e polo tanto cobrar) o traballo real que se facía na obra, e a actitude escravista, irrespectuosa e mesmo racista cos seus operarios, é un denominador común que refiren case todos os operarios que deciden contactar coa central para contar a súa experiencia. 

As esmorgas onde corría o alcol e a coca eran do coñecemento de todos; esa mesma xente era a que logo manexaba máquinas de varias toneladas

“Poñíannos motes en función da raza e da nacionalidade, e nos partes de traballo eramos Morito 1, Morito 2...”. Abdullah é un operario árabe afiliado á CIG desde hai tres anos, que ante a dificultade para empregarse na construción rematou aceptando un contrato nas obras do AVE de Ourense, pero foi dos poucos que non aceptou a calquera prezo. “Os encargados, de orixe estremeña, eran os que decidían quen traballaba, como e cando”.

Acumularon tanto poder que chegaron a estar por enriba do ben e do mal. “Coma os sábados e domingos cobrábase un chisco máis, moitos operarios chegaron a levarlles agasallos, e sobre todo cocaína, para que os chamaran a traballar. Outros negámonos, e claro, non nos chamaban tanto”.

A droga e o alcol foron tamén un elemento constante, dentro e fóra da obra. Ninguén controlou nunca a proliferación de substancias que claramente podían provocar riscos graves de accidentes. As esmorgas onde corría o alcol e a coca eran do coñecemento de todos. “Todos o viamos, pero ningunha empresa ou administración facía nada, así que sentiamos temor porque esa xente era a que logo estaba a manexar máquinas de varias toneladas”.

Outra denuncia recorrente é a falta dos mínimos equipos de protección individual (EPI); aínda que houbo casos en que a empresa si os entregou, mais logo esixiulles aos traballadores que llos pagaran unha vez finalizado o contrato. Noutros casos non existiron en absoluto. Foi o caso das máscaras, unha vez declarada a alerta sanitaria, que brillaron pola súa ausencia.

Mesmo ante a sospeita dun posíbel positivo por coronavirus dun operario dos túneles, tiveron que seguir traballando con normalidade, non se tomou ningunha medida e as máscaras ou xeles hidroalcólicos convertéronse en elementos de luxo que só estaban a disposición duns poucos privilexiados.

Filipinos escravizados

Como ten denunciada o CIG, o abuso a colectivos precarizados na obra, e principalmente o dos inmigrantes, é habitual. Nesta obra concorren varios equipos, ademais dos galegos: hai grupos de españois, árabes de distintas nacións, bolivianos, filipinos, etc. O caso destes últimos é particularmente rechamante. 'Ficháronos' en Filipinas ou ben nas obras do AVE da Meca, en Arabia Saudita, executado por un consorcio das principais construtoras españolas, coa promesa de traelos a Galiza para seguir traballando en obras ferroviarias. O prezo desa 'deferencia' é a dispoñibilidade permanente para a empresa, as 24 horas, por 1300 euros ao mes, todo incluído. 

Os operarios filipinos teñen dispoñibilidade permanente para a empresa, as 24 horas, por 1300 euros ao mes, todo incluído

“Dos sete operarios que máis horas extras ilegais desenvolveron nesta obra, seis son compañeiros filipinos; ningún deles desenvolveu menos de 1000 horas extras ilegais, chegando ás 13 horas diarias de traballo, durante semanas consecutivas”, explica Mario Maceiras, responsábel de Negociación Colectiva da FCM-CIG, quen calcula que a débeda salarial e coa Seguridade Social supera os 14.000 euros para cada un deles. “Aprovéitanse da súa vulnerabilidade e da pouca capacidade de comunicarse e de defenderse, pois saben que o prezo de protestar é a repatriación, e así péchase o círculo da escravitude”.

Non é de estrañar que con estes antecedentes se teñan producido accidentes brutais nas obras, moitos de consecuencias mortais. Este mesmo ano un operario foi arrolado brutalmente por un Vaia Car, un vehículo ferroviario, que lle machacou o costado. En moitos deses accidentes, a seguinte noticia que tiñan da empresa, e última, era o seu despedimento, ou o que é peor, a baixa voluntaria por non acudir ao traballo. Brazos e dedos amputados, caídas desde alturas considerábeis, esmagamentos e atropelos foron os accidentes máis habituais.

A CIG ten constancia que boa parte deses sinistros aconteceron durante a realización de horas extras, tras xornadas interminábeis que como non pode ser doutro xeito afectan de xeito determinante á atención e á pericia dos operarios. Así mesmo, varios accidentes producidos 'in itinere' nunca foron recoñecidos coma tales.